Site icon Crónica3.com A Mariña

Senra: “A dependencia da gandaría con respecto á soia transxénica é imposición do lobby pro OXM’s”

Estrasburgo, 28 de Outubro 2015.- Durante esta semana o Parlamento Europeo atópase en sesión plenaria en Estrasburgo. Na mañá deste mércores procedeuse ao debate da Proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e o Consello pola que se modifica o Regulamento (CE) n°1829/2003 no que respecta á posibilidade de que os Estados membros restrinxan ou prohíban o uso de alimentos e pensos modificados xeneticamente no seu territorio.

Este texto suscitou críticas tanto polos partidos conservadores que avogan pola libre circulación dos organismos xeneticamente manipulados –nomeadamente o Partido Popular e Partido Socialista europeos-, como por aquelas formacións políticas que, como Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), defenden que se poda decidir sobre a restrición ou prohibición de ditos organismos en cada un dos territorios da UE.

O texto presentado pola Comisión constitúe un documento ambiguo no que, a grandes rasgos, proponse a posibilidade da prohibición ou restrición, pero baixo uns condicionantes que fan practicamente imposíbel levar adiante dita determinación. Dita posición é acorde cas denuncias de connivencia entre a Comisión Europea e o lobby transxénico na UE, realizadas por distintas organizacións da sociedade civil.

Así, un Estado que quixera impedir a entrada de transxénicos no seu territorio, non podería por exemplo argumentar motivos vinculados aos riscos para a saúde humana, animal ou para o medio ambiente, xa que esta normativa aplicaríase aos Organismos Xeneticamente Modificados (OXM´s) que xa contan con autorización na Unión Europea, precisamente a través da polémica Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA).

A propia Comisión Europea (CE) asumiu no debate desta mañá que a sociedade europea “oponse aos organismos xeneticamente modificados”, non obstante, as propostas políticas realizadas por esta institución van na liña de favorecer a súa implementación. Mais, “por que impoñelos se non os necesitamos?”, interpelou directamente esta mañá a eurodeputada de AGEe Lídia Senra.

Por outra banda, a eurodeputada galega rexeitou frontalmente o argumento da CE ao respeito da actual dependencia da importación pensos transxénicos na gandaría europea, un mantra recurrente co que a miúdo preténdese xustificar a necesidade de favorecer o uso de organismos xeneticamente modificados na UE. “Esa situación é unha imposición”, lembrou Senra, pero unha imposición ca que se podería rachar porque “poderiamos importar pensos convencionais libres de OXM´s”, lembroulle ao Comisario de Saúde e Seguridade Alimentaria, Vytenis Povilas Andriukaitis, encargado de defender a posición da Comisión neste debate.

“Europa debería romper a dependencia da gandaría con respecto á importacións de proteína vexetal”, proseguiu a eurodeputada galega aludindo á actual importación masiva de soia transxénica para alimentar o gando europeo, “temos terras, temos sementes non transxénicas e coñecementos para producir alimentación animal libre de OXM´s”, reivindicou.

Por outra banda, “a UE non está chamada a alimentar o mundo”, retruncou Senra ao sempre abondoso argumentario eurocéntrico, “por ética, responsabilidade e solidariedade, Europa debería respaldar que os países teñan dereito á soberanía alimentaria, apoiando que exerzan o dereito a alimentarse a si mesmos”. “Non perdamos máis tempo”, reclamou a eurodeputada galega instando ao pleno do Parlamento Europeo a “mudar as políticas para respostar ás necesidades reais da sociedade e non ao lobby dos transxénicos e da alimentación animal”.

Finalmente a proposta da Comisión foi rexeitada, adoptándose un informe do Parlamento Europeo que sinala as principais eivas do texto lexislativo e insta á Comisión a refacer a proposta presentada.

Exit mobile version