Site icon Crónica3.com A Mariña

Son Viveiro interésase pola seguridade viaria, os posibles danos derivados do mal tempo e a desafectación do Centro Comarcal da Mariña Occidental

O Grupo Municipal SON VIVEIRO presentou para a súa inclusión na orde do día do próximo Pleno do Concello de Viveiro os seguintes rogos:

– Na intersección da estrada O Sixto-Magazos coa Lugo-Viveiro, na Rúa Nova (Magazos), dous postes de tendido eléctrico e telefónico, rodeados de varios sinais colocados a unha altura indebida, así como vehículos estacionados diante do bar alí situado, provocan que para saír do STOP en ocasións as condutoras e condutores teñan que invadir parte do carril da estrada principal para poder visualizar aos que se dirixen cara a Viveiro. Por isto, solicitamos que por parte do equipo de goberno se fagan as xestión oportunas para corrixir o emprazamento destes obstáculos que foron os culpables de máis dun sinistro.

– Como todos sabemos, está próxima a época na que os ventos son máis fortes e unha gran parte dos colectores de lixo do noso municipio atópanse sen subxección, motivo este que cada ano provoca o deterioro dos mesmos, obstáculos na estrada e danos leves a vehículos e solicitamos que se faga inventario dos que están sen ancoraxe e a maior brevidade posible se proceda á instalación dos mesmas por parte do persoal municipal.

– Na entrada de Galdo a continuación da ponte de San Martiño, hai na beirarrúa un tramo de máis de vinte metros que, malia ter unha cuneta de dous metros de profundidade por onde transcorre un regacho, non conta con ningún tipo de protección. Tamén en Galdo, despois da ponte de Portochao, hai unha situación similar que tamén carece de protección, polo tanto, solicitamos que se poñan en contacto coa Deputación para emendar estas carencias antes de que teñamos que lamentar algún sinistro.

– En Verxeles, na rúa Dr. José Illade, fronte a Alco, S. L., hai unha reixa que atravesa a rúa na súa totalidade, que recolle gran cantidade de auga e que está totalmente obstruída desde que se efectuou a canalización do gas natural na zona. Dende SON VIVEIRO instamos a que requiran á empresa que realizou a citada obra para que proceda á limpeza da mesma antes da chegada das choivas, para que non sexan os operarios e operarias municipais quen arranxen as desfeitas provocadas por entidades privadas.

– En Pleno celebrado o día 6 de febreiro de 2014, a Sra. Alcaldesa foi facultada, por unanimidade pola anterior Corporación, para levar a cabo as xestións oportunas diante da Xunta de Galicia para a desafectación para uso municipal e reversión do inmoble Centro Comarcal da Mariña Occidental, construído en terreos municipais postos a disposición da Xunta de Galicia polo noso Concello por non ser utilizado o mesmo para a finalidade para a que fora cedido e solicitamos información para coñecer en que estado están as xestións encomendadas e rogamos que, este equipo de goberno, consulte ao resto dos grupos que conformamos esta Corporación antes de decidir a finalidade que se lle vai dar ao mesmo, no caso de que dita reversión se produza.

Exit mobile version