Site icon Crónica3.com A Mariña

Son Viveiro, o grupo municipal que máis iniciativas presenta

A pesar de contar só cun concelleiro, este Grupo Municipal segue a rexistrar en cada pleno moitas iniciativas grazas ao gran entusiasmo e traballo dos membros da candidatura presentada nas últimas eleccións, integrada por membros de Esquerda Unida, ANOVA e Independentes que, coa colaboración de simpatizantes e veciñas e veciños de todo o municipio, demandan do Concello todo tipo de actuacións, cumprindo a promesa feita na campaña electoral de ser a voz de toda a veciñanza.

Xa no pasado pleno do mes de outubro, esta coalición presentou unha pregunta relacionada coas xestións que diante da Xunta de Galicia estaba levando a cabo a Alcaldía para a desafectación para uso municipal do inmoble do Centro Comarcal A Mariña Occidental, por non estar sendo utilizado na actualidade para os fins para os cales foi cedido.
Para o vindeiro pleno do mes de novembro, vén de presentar dous novos rogos, no primeiro dos cales solicita a creación dun parque infantil cuberto.

O concelleiro Víctor Marcial Miranda Gómez manifesta que, desde esa data, foron varios os veciños e veciñas que achegaron a SON VIVEIRO a súa preocupación pola necesidade que ten o municipio dun parque desas características, debido aos moitos días de choiva que imposibilitan contar cun espazo axeitado que facilite a convivencia das familias con descendencia na cidade. A idoneidade da citada construción, manifesta, é incuestionable, con abundante luz, dotada de amplos espazos e con ramplas, o que facilitaría a súa adaptación, por un custo alcanzable, para o fin suxerido.

Engade o concelleiro que a situación da edificación, á beira dun parque infantil exterior e dunha pequena pista polideportiva, a poucos metros da Escola de Educación Infantil San Roque, preto da gardaría, o feito de contar con numerosas prazas de aparcadoiro, que facilitarían a labor das e dos acompañantes dos nenos e nenas que tiveran que utilizar o automóbil para desprazárense, son motivos máis que suficientes para solicitarlle ao equipo de goberno que, antes de decidir cal vai ser a finalidade á que serán destinadas as citadas instalacións, teña en conta a proposta da súa Organización.

A segunda das propostas refírese á necesidade dunha Casa para Xubiladas, Xubilados e Pensionistas, un lugar de encontro onde as persoas deses colectivos poidan realizar actividades e ocupar o seu tempo libre.

Desde a coalición, consideran inaceptable o argumento de que xa existe un centro que cumpre esa función, posto que ese local está xestionado por unha entidade financeira que efectuou vendas das tristemente famosas participacións preferentes e subordinadas, que tanto sufrimento lle causaron a multitude de viveirenses. A citada entidade esixe ademais, para poder acceder ás súas instalacións, que o cobro da pensión se leve a cabo no seu propio banco. Aqueles e aquelas pensionistas que non cobran a súa pensión en dito banco, entre eles estafadas e estafados, néganse a ter ningún tipo de relación coa entidade e teñen tamén dereito a un local no que compartir o seu tempo de lecer durante os sete días da semana, e non só cinco, como está a ocorrer na actualidade.

Estas razóns levan a SON VIVEIRO a solicitar do goberno municipal a atención que esta necesidade require, entendendo que o edificio máis apropiado neste sentido é o que se atopa na rúa Vilar Ponte, na esquina coa rúa María de las Alas Pumariño, suxestión que agardan sexa tida en conta á hora de efectuar as reformas que se leven a cabo.

Exit mobile version