Site icon Crónica3.com A Mariña

Son Viveiro propón limitar o alumeado do Nadal a catro horas diarias durante quince días

Viveiro, 28 de outubro de 2015.- “Xa é hora de rematar con este dispendio que, ano tras ano, ten lugar en Viveiro e agardamos que este ano sexa o primeiro onde o alumeado decorativo se utilice dunha maneira responsable”, manifestan dende a coalición SON VIVEIRO.

O goberno municipal ten que comprometerse nunha política responsable co aforro, adoptando medidas reais para reducir o malgasto enerxético tanto nas instalacións públicas como nas rúas e prazas.

Non pode ser que, mentres algunhas veciñas e veciños non contan con calefacción ou teñen restrinxido o seu consumo debido á escaseza de recursos económicos para custear este servizo, se argumente desde o Concello que servizos como a electricidade non poden ser cubertos na súa totalidade por non contar con ningún tipo de colaboración por parte da Xunta de Galicia e deixar o problema das familias afectadas nas mans das organizacións non gobernamentais. Aseguran non comprender nin aceptar que unha administración pública como é o Concello non lle faga fronte ás carencias enerxéticas de moitas familias e use miles de euros das arcas municipais no alumeado do Nadal.

Sendo a actual situación de crise económica tan grave, SON VIVEIRO cre xusto que a redución do gasto en alumeado do Nadal para un municipio coma o noso, que ten unha débeda de máis de 13 MILLÓNS DE EUROS, debe ser unha prioridade que redundará no beneficio da nosa veciñanza, en dúas vertentes, a ecolóxica e a económica, e confía no senso común dos concelleiros e concelleiras que compoñen o Pleno da Corporación Municipal para aprobar, de maneira unánime, a súa Moción relativa á redución do citado gasto.

Por iso, SON VIVEIRO fai cinco propostas moi concretas, que son:
1.- Que o Concello de Viveiro non asuma directamente o custo do alumeado do Nadal.
2.- Que, no caso de que outra entidade ou organización quixese facerse cargo deste alumeado, só se autorice o seu acendido dende o día 21 de decembro ata o 6 de xaneiro, durante catro horas, en horario de 18 a 22 horas, agás no caso de vésperas de festivos, cuxo horario será de 18 a 24 horas.
3.- Que se renuncie á colocación de iluminación eléctrica no exterior dos edificios e instalacións públicas.
4.- Que se lle solicite ás empresas que se sumen a esta campaña manteñan apagadas as luces dos seus escaparates ao peche dos comercios.
5.- Que o aforro en alumeado do Nadal que obteña o Concello de Viveiro se destine a colaborar con algunha organización non gobernamental ou sen ánimo de lucro que contribúa a paliar a situación de necesidade das persoas máis desfavorecidas.

Exit mobile version