Site icon Crónica3.com A Mariña

Torpe e incoherente

É moi difícil manterse na Presidencia de un Goberno á vez que se din tantas barrabasadas públicas. Hai que ser un bo funambulista, a falta de bo gobernante. Ten o seu mérito.

Mariano Rajoy plantouse sen poñerse colorado na voda de Javier Maroto, ex alcade de Vitoria e dirixente da nova ola do PP, que se casou co seu noivo de toda a vida logo de proclamar na última década mil improperios contra o matrimonio gay aprobado polo seu antecesor na Moncloa.

Desde que Zapatero promoveu o matrimonio entre persoas do mesmo sexo o PP de Rajoy saíu á rúa para protestar man a man coa xerarquía eclesiástica máis rancia e as forzas roxigualdas máis reaccionarias.

Non só iso. Tamén o PP de Rajoy presentou fai uns anos un recurso contra esta lei socialista ante o Tribunal Constitucional co obxecto de que este a liquidase antes de que cantase o galo. Posteriormente, o PP descubriu que tamén tiña homosexuais no seu partido e que os seus gays e lesbianas estaban neste asunto máis preto de Zapatero que de Rajoy.

Con todo, o partido conservador seguiu na súa loita contra a lei de Zapatero, fundamentalmente como ariete de acoso e derriba do seu Goberno. De feito, desde que o PP chegou ao poder case se esqueceu da lei do matrimonio homosexual. Agora xa non importa moito porque o Goberno socialista é pasado e o popular é presente, aínda que moitos dubidan do seu futuro máis inmediato.

A táctica electoralista de Rajoy cambiou: na súa estratexia antes opoñíase á lei de Zapatero para gastar e acabar co Goberno socialista; agora, como xa goberna e sabe que a súa postura é ultraconservadora e conecta pouco cunha sociedade avanzada e democrática, esquécese do asunto e ata o presidente e todos os seus adláteres acoden á voda gay dun compañeiro sen dar explicacións da súa incoherencia, do seu cambio fortuito de discurso. A incongruencia e o oportunismo chegaron a tal extremo que nin sequera os populares retiraron o recurso presentado na década anterior no Tribunal Constitucional.

Rajoy é así de torpe e incoherente. Na súa última entrevista radiofónica mostrou o seu descoñecemento total da realidade catalá (e da galega non che digo) e nas redes sociais xa fixeron del o imitador máis genuinio de Hommer Simpson. Cando recibiu á selección española de baloncesto non se lle ocorreu outra cousa que dicir que batera o récord de medallas porque os países que teñen máis, a Unión Soviética e Yugoslavia, xa non existen. E é verdade: non existen hoxe porque fai anos que se dividiron e se independizaron os seus territorios nacionais. Cerrilmente Rajoy regalou argumentos aos independentistas cataláns na semana na que deciden sobre a súa soberanismo. Realmente non se pode ser máis torpe.

Exit mobile version