Site icon Crónica3.com A Mariña

Usuarios da Asociación de Axuda ó Enfermo Mental “A Mariña” visitan A Coruña e Betanzos e xogan un partido cos veteranos do Deportivo

IMG_508213 de outubro de 2015.- Un total de 49 persoas da Asociación de Axuda ó Enfermo Mental “A Mariña” viaxaban este martes á Coruña para gozar ás 12:00 da mañá dunha visita guiada polo Aquarium Finisterrae, a continuación visitaron a enigmática Torre de Hércules para pasar logo a gozar todos xuntos dun xantar, recargando forzas para unha marabillosa tarde deportiva.

O Consorcio As Mariñas, invitounos con motivo do seu programa de actos de celebración do Día Mundial da Saúde Mental, para celebrar un torneo triangular de fútbol sala a partir das 18:30 horas no polideportivo municipal de Betanzos.

Tres equipos, integrados por persoas con enfermidade mental, participan neste torneo de carácter non competitivo, no que todas as persoas participantes gañan. Trátase pois dun Equipo do Consorcio “As Mariñas”, un equipo de Apem, e o equipo da AAEM “A Mariña” (formado nesta ocasión por usuarios e mozos da comarca cos cales adestran cada semana), motivo polo cal resultaron gañadores o ano pasado do I Premio José Luís Muruzábal, por unha experiencia integradora deste colectivo a través do deporte.

Ademais, os veteranos do RCD Deportivo da Coruña, mostrando a súa solidariedade, colaboran neste torneo reforzando os distintos equipos e integrándose neles como uns xogadores máis, o que resulta unha motivación extra para todos os participantes.

E para que os xogadores da Asociación “A Mariña” fosen ben equipados, tiveron a estimable colaboración do CD Burela Fútbol Sala, quen lles fixo entrega o pasado xoves día 8 de outubro dunhas equipacións novas, da man da Directiva Dna. Alba Vila e do Técnico D. Alfonso Mera.

A Directora Técnica Xeral, Dna. María José Nóvoa, salienta que estas actividades redundan na mellora terapéutica dos usuarios xa que participan activamente, integrándose na comunidade, aumentando así a súa autoestima e calidade de vida. Así mesmo agradece ao Consorcio “As Mariñas” a súa invitación e ao Club Burela Fútbol Sala a súa constante colaboración.

Exit mobile version