Site icon Crónica3.com A Mariña

Vista Alegre vístese de festa irmandiña

Burela, 23 de outubro de 2015.- Vista Alegre volve vestirse de festa para acoller o segundo derbi irmandiño no que vai tempada. O Burela FS Pescados Rubén recibirá o Cidade das Burgas este sábado (18.30 horas), que chega cargado de moral logo de conseguir a súa primeira vitoria e por goleada. A cita poderá seguirse en directo por streaming coa colaboración de Ramón González e Ignacio Meitín, na seguinte ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=HIUgi1POAc8

A escuadra mariñá continuou coa súa concentración habitual para non deixar escapar nada. “Foi outra semana de traballo duro, nesta liga calquera rival pode sorprender, non podemos confiarnos” aseguraba Andrea, un dos reforzos da portería laranxa en 2015-16, que se estreou baixo os paus a domicilio a semana pasada en Majadahonda (1-4).

As ourensás chegan a Burela na undécima praza, con 4 puntos, nun inicio tatexante, aínda que o triunfo ante Móstoles (9-4) lles proporcionou un extra de motivación; antes só puidera puntuar fronte a Roldán (44-). “O ano pasado realizou unha tempada sorprendente; chegarán con moitas ganas de demostrar do que son capaces, sobre todo logo da última xornada” advertía a gardameta laranxa.

Andrea adaptouse á perfección á tranquilidade de Burela e ao día a día do equipo. “Notei o cambio sobre todo no aumento das sesións, pero foi unha adaptación doada porque estou rodeada dun gran grupo” recoñecíase así a gusto a levantina en terras mariñás, con ganas de seguir medrando co Burela FS: “As sensacións sobre a pista están sendo moi boas. En Vista Alegre, cando saín como titular, xurdiu certo nerviosismo loxicamente, pero estou traballando con moitas ganas. É moi reconfortante que o corpo técnico conte coas tres porteiras e nos dea minutos ás tres; ten confianza en todas” declaraba a meta sobre a súa repartición de responsabilidades con Jozi e Eva.

Convocatoria CD Burela FS Pescados Rubén: 1. Jozi, 5. Claudia, 7. Peque, 9. Gaby, 10. Lara, 11. Ceci, 13. Andrea C., 14. Bea Mateos, 17. Maite, 18. Shiori, 31. Eva

Convocatoria Cidade das Burgas: 2. Candela, 4. Ana, 5. Nerea Lorenzo, 7. Albiña, 8. María Arias, 9. Sonia, 10. Iria, 11. Nahir, 14. Nerea García, 15. Lucía Nespereira, 17. Antía, 19. Vanessa

Peque, con España
A 7 laranxa foi convocada outra vez coa Selección Española para a concentración da próxima semana en Navalcarnero e Las Rozas. A Vermella disputará amigables con Hungría o martes 27 e mércores 28, ás 20.00 horas. Máis información en www.sefutbol.com

Exit mobile version