Site icon Crónica3.com A Mariña

A alcaldesa de Lourenzá participou o pasado fin de semana na primeira Feira de Desenvolvemento Local de Ames

301115 FOTO ALCALDESA DE LOURENZÁ NA FEIRA DE DESENVOLVEMENTO DE AMES (2)Lourenzá, 30 de novembro de 2015.- A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, participou na mesa redonda que se celebrou este pasado fin de semana na primeira Feira de Desenvolvemento Local que tivo lugar no municipio coruñés de Ames. Entre outras cuestións, a rexedora salientou a importancia de apostar pola creación de emprego no concello baseado nos recursos locais, aspecto que se comprometeu a impulsar dende o goberno municipal.

“A dinamización económica do noso rural só se consegue apostando por un modelo de desenvolvemento local endóxeno que se asente sobre as bases e a historia do noso territorio”, asegura a alcaldesa, que resaltou o “compromiso firme e tácito do goberno municipal para deseñar políticas e mecanismos destinados a revalorizar e poñer en valor os recursos do noso ámbito local e comarcal. Debemos poñer en valor os recursos dos que dispón Lourenzá, dende a riqueza dos seus cultivos ata o inmenso patrimonio paisaxístico, arquitectónico e cultural que posúe”.

Ademais, Rocío López fixo referencia aos proxectos locais innovadores que se presentaron nesta feira: “todos eles teñen un denominador común, que é a aposta polo desenvolvemento local como punto de partida de cada proxecto innovador. A experiencia de participar nesta feira foi moi positiva e, sen dúbida, foi unha oportunidade única de expoñer a capacidade emprendedora que ten Lourenzá e de dar a coñecer a toda Galicia os proxectos do noso concello. Foi un encontro moi frutífero, porque ó mesmo tempo aprendemos e recollemos ideas innovadoras doutros concellos que poden constituír nun futuro novas ideas de desenvolvemento do noso municipio”.

Exit mobile version