A Mariña, 16 de novembro de 2015.- Á raíz do acontecido en varios centros de ensino da Mariña co servizo de comedor, a CIG Ensino demanda que se recupere a xestión pública dos comedores escolares por parte da Consellería de Educación.
Despois de diferentes denuncias por parte dos centros de ensino e das ANPAS, a Xunta acabou rescindindo os contratos con dúas empresas malagueñas polas deficiencias no servizo de cátering (comida en mal estado, esquecemento de pratos, falta de persoal,…) e dándollo a outra empresa de forma urxente o pasado xoves. Segudo Dores Fernández Abel, secretaria da CIG-Ensino na Mariña, isto non é unha solución a longo prazo, posto nas propias bases dos concursos que aprobou a Xunta para contratar estes servizos de cátering priman claramente os criterios económicos por riba dos da calidade nas comidas. Así, dun máximo de 80 puntos que se poden outorgar a cada unha das ofertas presentadas 50 puntos corresponden á oferta económica, en función da súa “desviación á baixa”.
Para a CIG-Ensino tamén é importante que a Consellería de Educación prime os produtos autóctonos e de calidade á hora de elaborar os menús escolares. Volvendo á normativa, non existe ningunha obriga para as empresas sobre a procedencia dos produtos ou que sexan frescos ou de tempada, sendo na súa maioría comida prefabricada e precociñada. Tampouco se fixan períodos máximos entre o momento da súa preparación e o do seu consumo e “admítese a posibilidade de que a comida preparada chegue ao centro en estado refrixerado”. De todas estas circunstancias dedúcese que non pode ter a mesma calidade que unha comida elaborada con produtos frescos, no propio centro escolar e por persoal contratado pola propia Xunta. “Temos no noso pais suficiente calidade nos produtos alimenticios como para surtir aos centros educativos. Non necesitamos contratar con empresas andaluzas para dar de comer ben ao noso alumnado e ás nosas fillas e fillos”, rematou dicindo Dores Fernández.
A CIG-Ensino aproveita a ocasión para demandar da Xunta unha maior vixilancia e control da xestión dos comedores escolares por parte das empresas adxudicatarias porque neste caso tiveron que ser os centros e os pais e nais os que denunciaran e lle fixeron actuar á Consellaría de Educación a pesar de había problemas desde inicio de curso.