Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG-Ensino denuncia o caos coas programacións didácticas neste curso escolar

A Mariña, 4 de novembro de 2015.- A CIG-Ensino reclamoulle á Consellaría de Educación desde hai meses o adiamento e mesmo a paralización da LOMCE, pois a experiencia do acontecido o pasado ano en primaria auguraba que este curso se repetiría a situación de caos, confusión e desorde en secundaria. E, efectivamente, isto é o que se está a producir, repercutindo moi negativamente no traballo do profesorado e na adecuada aprendizaxe do alumnado, vítimas inmediatas da teimosía e improvisación do goberno da Xunta. Durante estes meses, o profesorado tivo que realizar un traballo ímprobo que vai ter pouco resultado práctico o que está creando un malestar e un cabreo xeneralizado entre o mesmo. A isto aínda hai que lle sumar a diferenza de criterios que están aplicar os inspectores, que afectan mesmo ás datas de entrega das programacións.

Segundo a secretaria na Mariña da CIG-Ensino, Dores Fernández Abel, o cambio de modelo e de criterios que estabelece a LOMCE esixiría que a Consellaría promulgase unha norma que servise de guía para o profesorado e unha formación axeitada que lle permita elaboralas, segundo o imposto nesta lei, cousa que aínda non se fixo ao día de hoxe. Dores preguntase “como se pode pretender que se recollan nunha programación, que debería estar finalizada no de inicio de curso, 15 de setembro, aspectos que deberían requirir unha formación que os e as docentes no recibiron e unha coordinación, por exemplo, entre o profesorado das materias lingüísticas. E como se pode elaborar adecuadamente unha programación didáctica con aspectos novidosos sen ter o tempo necesario para facelo.”

Isto levou a que algunhas inspeccións flexibilizasen esa data e outras non. Deste xeito, constátase unha vez máis o desprezo da Consellaría cara ao profesorado, ao non asumir a súa responsabilidade e obrigas e provocando disparidade de criterios e directrices entre provincias e entre os propios centros, á hora de elaborar e levar a cabo as novas programacións. Así, unha gran parte do profesorado está a seguir os currículos publicados no DOG do 29 de xuño, algúns seguen os modelos da LOMCE dispoñibles e outra parte nin sequera actualizou as programacións esperando que se clarifique o panorama. No entanto, isto non vai ser inconveniente para que moitas inspeccións actúen despois de maneira puntillosa, burocrática e absurda e non coa función que lles corresponde que é asesorar.

Por todo isto a CIG-Ensino ven esixindo da Consellaría:

• Que se amplíe, polo tempo necesario e suficiente, o prazo de entrega das programacións.

• Que a inspección educativa informe de xeito coordinado e dea instrucións claras, axeitadas e uniformes para a elaboración das programacións didácticas, tendo en conta a opinión do profesorado.

• Que explique como vai concretar para cada “estándar de aprendizaxe avaliábel” a temporalización, os mínimos exixíbeis e os instrumentos e procedementos de avaliación, pois, por exemplo, para un só curso, como é 3º de ESO en Lingua Galega e Literatura, contamos con 113 estándares algo que o propio profesorado cualifica de inviable na práctica.

• Que se especifique, así mesmo, como se concreta isto día a día, tarefa a tarefa, mínimo a mínimo; canto tempo levará en elaborar tal programación, páxinas que ocuparía, quen se ocupara de ler todas e cada unhas das programacións didácticas resultantes de tan inxente labor. De que servirá unha programación didáctica se ninguén a vai ler e sobre todo se ninguén a vai poder levar a práctica realmente? Obviamente máis burocratización e traballo innecesario.

• Que se oferte formación en horario lectivo para todo o relacionado coa elaboración das programacións.
• Que se publique unha nova orde de validacións, necesaria tras os cambios introducidos pola LOMCE.

Por outro lado, a CIG-Ensino reclama que se valore, dunha vez por todas, o labor docente, algo que non se está a facer, entre outras cousas, polo desprezo e desconsideración da propia administración educativa. En primeiro lugar, impoñendo unha lei que desconfía do profesorado e do seu traballo e, despois, porque esa mesma administración non conta con el á hora de aplicala, converténdoos en meros espectadores da educación que teñen que impartir.

Exit mobile version