Site icon Crónica3.com A Mariña

A Comisión de Urbanismo viveirense ditamina que a Avda. de Cervantes será dun único sentido de circulación

Viveiro, 3 de novembro de 2015.- Na Comisión de Urbanismo celebrada este martes, na que estiveron presentes a alcaldesa, os voceiros dos grupos municipais, o arquitecto municipal e o xefe da Policía Local, ditaminouse que a Avda. de Cervantes será de un único sentido de circulación.

Durante a última reunión celebrada con veciños e comerciantes para dar a coñecer o proxecto desta obra, na que xa se prevía un único sentido de circulación, algúns dos presentes propuxeron que a rúa mantivera o dobre sentido de circulación existente, argumentando que facilitaría o acceso ao casco antigo de Viveiro; en base a esa petición veciñal, o Bloque Nacionalista Galego solicitou que se convocase unha comisión para adoptar un acordo de consenso nun tema que debe considerarse relevante, tanto pola magnitude da obra como pola ubicación desta avenida.

Tras avaliar a proposta formulada e realizar as xestións pertinentes, na Comisión de Urbanismo celebrada este martes expúxose o proxecto previsto e, por unamidade de todos os presentes, acordouse que o mellor para un Viveiro do futuro é establecer un único sentido de circulación, tal e como estaba proxectado inicialmente.

Na reunión explicouse que se chegou a un acordo co propietario das parcelas que lindan con Río dos Foles, que deu permiso para abrir un acceso ao casco, posibilitando, deste modo, que se poida entrar e saír do casco antigo de Viveiro.

Explicáronse, ademais, outros detalles do proxecto, como o dobre sentido da rúa Río dos Foles; a eliminación dos aparcamentos existentes na marxe dereita, dende o colexio San Roque ata a rúa que se vai abrir; a instalación de semáforos no paso temporal ao casco ou o establecemento de un único sentido de circulación de Viveiro a Pénjamo.

Con respecto ao desenvolvemento da obra cómpre sinalar que se cortará o tráfico rodado entre as escaleiras do Convento de San Franciso e o restaurante Serra, iniciándose as obras na parte de arriba por maior comodidade á hora de obrar. Durante a súa duración, adoptaranse as medidas oportunas para habilitar o tráfico peonil permitindo o acceso a vivendas e comercios; polo que respecta ao garaxes existentes na zona, cando sexa necesario restrinxir o seu acceso, os afectados serán avisados coa anterioridade suficiente.

Por último, na comisión celebrada este martes tamén se falou da elimiación do paso de peóns existente na Travesía da Marina, á altura de La Caixa, e da creación dun novo fronte a Movistar; este cambio, que xa estaba proxectado inicialmente, estaba supeditado á execución da obra da Avda. de Cervantes.

María Loureiro declarou: “Como alcaldesa quero, finalmente, pedir disculpas a todos os vecinos polas molestias que se poidan xerar durante a execución desta obra, agardando que saiban entender que se trata dunha obra de gran importancia para o municipio”.

Exit mobile version