Site icon Crónica3.com A Mariña

A cota de pescada para o Cantábrico-Noroeste medrou nun 70% de xeito global dende o 2010

Santiago, 3 de novembro de 2015.- A cota de pescada para o Cantábrico-Noroeste medrou nun 70% de xeito global dende o 2010 con incrementos anuais sostidos dun 15%, salvo no presente ano, no que as informes científicos recomendaron unha baixada dun 15%. Así, pasouse das preto de 5.600 toneladas no 2010 ás máis de 10.400 no 2014 e ás máis de 8.800 no 2015. Destacouno este martes á tarde o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, na Comisión 8ª.

Se comparamos estas cifras coas de anos anteriores, dixo, no 2010 obsérvase coma o incremento da cota é aínda moito maior, xa que no ano 2004 era de algo máis de 3.800 toneladas, que se foron incrementando nos anos sucesivos. Neste sentido, o director xeral destacou que as cotas dispoñibles, “permiten a rendibilidade destas embarcacións”. De feito, dixo, no 2009 con menos cota de pescada e cos prezos de gasóleo máis altos, a frota era rendible, e agora, cabe ter en conta que a cota de pescada subiu nun 70% e que os custes de explotación dos barcos son moito menores pola baixada do gasóleo, explicou.

En canto aos criterios de reparto da cota da pescada para a frota da volanta, Juan Maneiro lembrou que foron os acordados polos seus representantes nas reunións celebradas na Secretaría General de Pesca a finais de decembro de 2012. Agora, pasados tres anos, explicou o director xeral, “hai unha división de pareceres con respecto ó reparto actual, pero son maioría os que no sector están de acordo co establecido”. Neste sentido, sinalou que a Secretaría General de Pesca do MAGRAMA estaría disposta a modificar este reparto “sempre que o sector da volanta estivera de acordo de maneira unánime”.

Ademais, o director xeral lembrou que a Xunta constituíu xunto cos representantes das distintas asociacións nas que se encontran os barcos de volanta de Galicia e a Federación Galega de Confrarías de Pescadores, un grupo de traballo para analizar a súa situación, conseguir unha mellor xestión das posibilidades de pesca dispoñibles e estudar medidas de mellora da comercialización. Este grupo de traballo, sinalou Juan Maneiro, constituíuse o pasado 16 de outubro, estando representados tódolos barcos da volanta do caladoiro Cantábrico-Noroeste, feito que acontece por primeira vez. 

Aquanor Noruega
En resposta a outra pregunta, Juan Maneiro explicou que entre o 18 e o 21 de agosto, desprazouse a Noruega acompañado da directora do Cetmar, Paloma Rueda, e dunha xefa de área deste centro para participar en varios dos seminarios enmarcados na feira Aquanor, que se celebrou na cidade de Trondheim e que está considerada unha das feiras de acuicultura de maior relevancia mundial. Tamén para realizar unha serie de reunións con centros de investigación e empresas de referencia na acuicultura e a pesca no pais nórdico. Esta visita fíxose, explicou o director xeral, atendendo a unha invitación expresa do agregado comercial da embaixada Noruega en España.

Unha das reunións que comprendeu a estadía neste país nórdico foi con inversores, investigadores e empresas de tecnoloxía en acuicultura no que, entre outros proxectos, os representantes da Consellería do Mar coñeceron un proxecto que busca evitar ou minimizar determinados episodios de biotoxinas nas nosas rías. Esta iniciativa, explicou Juan Maneiro, está sendo estudada con Augas de Galicia para ver a viabilidade de facer un proxecto piloto.

Exit mobile version