Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aproba a contratación de 166 lucenses en paro e as axudas de 200.000 euros para horticultores e viticultores

DSC_0008Lugo, 13 de novembro de 2015.- A Xunta de Goberno deste venres aprobou a contratación de 166 lucenses en paro en empresas e colectivos da provincia a través do Ben Empregado, así como axudas por valor de 200.000 euros para profesionais dos sectores da horticultura e viticultura. Así informaron o voceiro provincial socialista e Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, e o Vicepresidente e responsable da área de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Antonio Veiga Outeiro.

Santos Ramos explicou que a través do Ben Empregado II acordouse a contratación de 147 desempregados lucenses, que se engaden aos 80 cuxa contratación foi aprobada na sesión do pasado venres, sendo, polo de agora, un total de 227 as persoas beneficiadas da segunda edición desta programación. Está aberto ata o 19 de novembro o prazo de solicitude para os derradeiros 70 postos de traballo da segunda edición desta programación, que ofrece en total 297 empregos de calidade, pois os contratos inclúen cláusulas sociais que blindan os dereitos salariais e laborais.

A sesión tamén aprobou a contratación doutros 19 desempregados lucenses, neste caso a través do Ben Empregado I e sendo os derradeiros beneficiados da primeira edición desta programación, pois xa están a traballar os 248 restantes. Queda resolto, polo tanto, o Ben Empregado I con 267 novos traballadores.

Santos Ramos indicou “despois de tres meses nos que Candia mantivo totalmente paralizada esta programación, este Goberno Provincial resolve, en tan só dúas semanas, a contratación de 246 desempregados lucenses, e abre un novo prazo para cubrir os 70 empregos que quedaron vacantes co Goberno de Candia”.

Axudas de 200.000 euros
Veiga Outeiro explicou que se resolveron axudas de 111.030 euros para o sector da horticultora. Son un total de 23 os profesionais beneficiados, que reciben un máximo de 6.000 euros para a instalación de novos invernadoiros, reparación e mellora dos existentes e dotación de sistema de rego, entre outros equipamentos. Tamén se revolveron as axudas de 88.969 euros para o sector vitivinícola. Son un total de 17 os profesionais beneficiados, que reciben axudas dun máximo de 6.000 euros para a reconstrución e traballos de conservación de muros de pedra, substitución de muros de sostemento de terra por outros de pedra, e peches perimetrais fixos.

O Vicepresidente salientou que “estas axudas son do Plan de Impulso ao Rural, que inclúe 7 liñas de actuación, dotado de 2,2 millóns de euros, que o Goberno de Candia mantivo totalmente bloqueado, ao igual que as axudas de Cultura e Deportes de 1,1 millóns de euros. Polo tanto, Candia paralizou axudas de 3,3 millóns de euros, que nós resolveremos antes de rematar o ano”.

Exit mobile version