A candidata de Nós – Candidatura Galega comprometeuse a trasladar ao Congreso en Madrid as iniciativas necesarias para que o goberno do estado se faga cargo dos arranxo do firme da estrada N-640 (Lugo-Meira). “O firme da N-640 atópase nun deficiente estado de conservación e esto pode provocar accidentes nesta estrada que asume un importante volume de tráfico” asegurou Olalla Rodil e explicou que “cando chove fórmanse bolsas de auga que se converten nun auténtico perigo para a seguridade vial”.
O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, apuntou que “consideramos necesario facer esta demanda dende todos os concellos que atravesa esta estrada N-640 por que o seu mal estado afecta a moita xente destes concellos, da comarca e mesmo ás persoas que transitan dende Lugo cara Asturias”. Arroxo lamentou o continuo abandono que o goberno do estado fai da provincia de Lugo e asegurou que existen serias dúbidas de que o propio Ministerio sexa coñecedor do estado real no que se atopa este vial.