Site icon Crónica3.com A Mariña

A plataforma “Comarca de Mondoñedo Unida” fai unha convocatoria aberta para unha reunión coa alcaldesa sobre temas de interese para o concello

Mondoñedo, 17 de novembro de 2015.- A Plataforma cidadá “COMARCA DE MONDOÑEDO UNIDA” comunica que o próximo venres, 20 de novembro, ás 20.00 horas, vai ter lugar unha importante reunión no salón de plenos da Casa do Concello de Mondoñedo na que van participar xunto coa señora alcaldesa e outros representantes do goberno municipal de Mondoñedo, os voceiros dos diferentes grupos políticos que conforman a Corporación Municipal, representantes desta plataforma, e todas as persoas e colectivos que o desexen, para tratar, entre outros, os seguintes asuntos:

1.-Roteiro Turístico Literario “Leiras Pulpeiro”, posta en valor da Fonte de Augas Sulfurosas do Coto da Recadieira, das antigas fábricas de luz “Electricista Mindoniense” (1893-1906), do castro da Recadieira e “A Pena do Unto”, así como do Cemiterio Vello-Parque da Lembranza.

2.-Camiño Norte de Santiago.Unha vez declarado Patrimonio Mundial pola UNESCO urxe iniciar os estudos e delimitacións do trazado da “Variante Marítima” que vai desde Ribadeo pola beiramar de Barreiros e Foz ata a Basílica Catedral de San Martiño de Mondoñedo, así como a consecución dun aumento de trazado do proxecto en execución do “Camiño de San Rosendo” a cargo do Ministerio de Fomento. Desde A Cazolga (Lourenzá) polas parroquias de Masma (Padriñán, A Retorta, Marquide) e Viloalle ata San Lázaro seguindo o curso do río Masma. Tamén, como é sabido, se contempla o traslado do Centro de Interpretación do Camiño Norte de Santiago ao Centro Cultural “A Casa da Xente” de Alcántara.

3.- A Casa Museo “Alvaro Cunqueiro”. Proxecto que se inicia agora e que cremos transcendental para a revitalización cultural de Mondoñedo.

4.-O barrio artesanal de Os Muíños. Melloras e proxectos.

5.-Outros temas de interese xeral: Polígono Industrial dos Xiros. Peticións de mellora da N634.Promoción turística da comarca na web do concello … etc.

Con esta reunión, aberta a todas as persoas e colectivos interesados, intentamos debater e procurar solucións entre todos á múltiple problemática que presenta na actualidade Mondoñedo e o seu concello.

Exit mobile version