A Asociación Cultural A Pomba do Arco organiza o venres 20 de novembro ás 20.30, no local da Librería Bahía de Foz, a presentación da quinta edición do libro “ Conflito e ideoloxía na Galiza. A situación do galego como síntoma” onde tomará a palabra o autor do mesmo, o Profesor Francisco Rodríguez.
A publicación en 1976 de “Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza” supuxo un fito na análise, interpretación e diagnóstico dos problemas do galego en conexión cos problemas de estirpe económica, social e política que a nosa nación padece. Ao tempo, facía a diseción das principais ideoloxías que se proxectaban sobre o idioma e das expectativas que delas se desprendían. Agora aparece esta quinta edición, notoriamente aumentada con análises sobre a política lingüística oficial, a mobilización popular contra ela, a conciencia social sobre o idioma e o seu estado como síntoma, no que vai de século XXI. Desta forma, a través deste libro o lector pode decatarse de como evolucionou a situación lingüística na Galiza desde a década dos setenta do século XX até hoxe, practicamente 50 anos, tirando as conclusións oportunas sobre as mudanzas cuantitativas e cualitativas que se produciron. Este libro amplía a súa utilidade, a súa validade, a unha cuestión clave na vida dunha lingua oprimida como o galego: proporciona o modelo teórico e as pautas de comportamento lingüístico precisos non só para comprendermos o conflito lingüístico que vive este país, senón para remontalo a executar unha prática normalizadora merecente de tal nome, isto é, que poña como obxectivo central da preocupación polo galego a súa restauración social, através da plenitude de usos e funcións.
A Asociación Cultural A Pomba do Arco pretende que a presentación deste libro, que iniciou os estudos sociolinguísticos no noso País e que por conseguinte ten un carácter fundacional de toda unha tradición analítica que explica que sexa un dos clásicos da nosa produción ensaística, serva para un debate sobre a situación do noso idioma, permita achegar análises que expliquen o seu estado actual e nos dote de azos para conquistar novos usos lingüísticos e xa que logo posibilite avances respecto do seu nivel de utilización. O autor do libro, Francisco Rodríguez, é un dos máis coñecidos e recoñecidos ensaístas galegos, cuxos traballos no panorama bibliográfico galego –tan necesitado de páxinas esclarecedoras a respeito do que nos é propio- seguen resultando únicos polo seu rigor, o seu axeitado aproveitamento do máis científico e actualizado do pensamento mundial vencellada a nosa propia tradición e a súa constante preocupación por facer análise científica, ao servizo dunha causa que non admite demoras nen trampas:Galiza. Francisco Rodríguez, coñecido tamén pola seu compromiso político que o levou a representar ao BNG no Congreso dos Deputados durante doce anos, e autor de traballos que se consideran definitivos sobre Curros Enriquez, Blanco Amor ou Rosalía de Castro, figura que ocupou a súa tese de doutoramento, a primeira presentada sobre a autora de Padrón na Universidade Galega.
Xa por último, desde a entidade organizadora deste acto, só nos queda convidar ao conxunto da sociedade da Mariña, e de xeito moi particular a aqueles que teñen preocupación e interese pola situación da lingua, a partillar desta xornada.