Luis Menor asistiu esta mañá ao II Encontro Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Lugo, que tivo lugar na casa do Concello de Viveiro, e onde resaltou o traballo do persoal das agrupacións de Protección Civil en todo tipo de tarefas, xa sexan de emerxencia, humanitarias ou de apoio a institucións e cidadáns, salientando que estas agrupacións constitúen un referente na nosa sociedade, e o seu traballo merece un continuo recoñecemento por parte dos cidadáns.
Segundo destacou o director xeral, o voluntario de protección civil é unha persoa, polo tanto, con compromiso firme, que actúa de forma altruísta, na procura de axudar aos seus veciños polo que destacou a importancia que teñen no eido das emerxencia e a importancia que dende a Xunta se lle faciliten os instrumentos axeitados para o seu traballo.
Luis Menor incidiu tamén que é de especial importancia a formación continua dos membros de Protección Civil de Galicia o que redunda de maneira positiva para a cidadanía galega, xa que son un dos primeiros chanzos que se atopan os cidadáns cando ocorre unha emerxencia. Menor gabou o sentido do deber e de sacrificio destes voluntarios.