Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta salienta que o sector agroforestal será un dos maiores beneficiados da posta en marcha do polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados

151123 xornadas 001cSantiago, 23 de novembro de 2015.- O director da Axencia Galega de Innovación (Gain), Manuel Varela, salientou este luns que o sector agroforestal galego será un dos maiores beneficiados no marco da creación do polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados que está a poñer en marcha a Consellería de Economía, Emprego e Industria. “Buscamos dar un salto cualitativo na prestación de servizos públicos mediante a aplicación de tecnoloxías baseadas nos avións aéreos non tripulados”, indicou Varela durante a apertura das Xornadas sectoriais sobre o uso dos UAV no ámbito agroforestal, celebradas en Santiago.

Varela lembrou que este proceso, a Civil UAVs Initiative, “representa unha das maiores apostas pola compra pública innovadora promovidas pola Xunta de Galicia”, cun investimento de 45 millóns de euros aos que hai que sumar os 10 millóns destinados á creación do centro mixto de investigación Xunta-Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) na localidade luguesa de Rozas.

Xunto ao centro de investigación, neste momento, Economía, Emprego e Industria ten aberta a fase de diálogo do proceso de selección do seu socio industrial, que ademais dun traballo de investigación a cinco anos implicará a adquisición de compromisos firmes de colaboración con empresas galegas do sector.

O socio seleccionado traballará conxuntamente ata 2020 nun ambicioso programa de I+D coa Xunta, que inviste 25 millóns de euros e actúa como cliente lanzador e validador de novas solucións para retos tecnolóxicos relacionados coa prestación de servizos públicos á cidadanía. A empresa elixida estará encargada de investigar a mellora destes servizos con base en sistemas aéreos non tripulados e promover a constitución do polo de innovación arredor deste sector en Rozas.

Prevención contra incendios
O director da Axencia Galega de Innovación desglosou a carteira de servizos priorizada pola Xunta no ámbito agroforestal para ser optimizados mediante a tecnoloxía dos avións non tripulados. En primeiro lugar, demándase o seu uso na captura de información xeográfica, co fin de actualizar os datos sobre infraestruturas, construcións, solos e inventario forestal a nivel de monte.

Polo que se refire á xestión dos recursos agroforestais, Varela apuntou que a Xunta demanda solucións avanzadas para a prevención e a loita contra incendios e a mellora da mobilidade de terras agrícolas, entre outros. Finalmente, búscanse tamén ferramentas para a elaboración e o seguimento de estudos e plans de ordenación territorial.

O director da Gain destacou que a fórmula utilizada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para realizar esta aposta “representa outro paso máis na súa traxectoria pioneira en Galicia no eido da compra pública innovadora, que supón o compromiso da Administración co desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para a mellor prestación dos servizos públicos á cidadanía, neste caso en dous ámbitos tan estratéxicos para Galicia como son o agro e o monte”.

Exit mobile version