Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano solicitará unha reunión co presidente de Portos de Galicia para tratar asuntos de relevancia para Burela

Burela, 6 de novembro de 2015.- O alcalde, Alfredo Llano, solicitará formalmente un encontro co presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, para trasladarlle as súas propostas sobre asuntos que afectan ás instalacións portuarias de Burela. Entre elas están a instalación da nova depuradora de augas residuais, a creación dunha praza pública con zonas de restauración no solar situado detrás da Capitanía Marítima e a limpeza do porto, entre outras.

O rexedor contou que “estes días estou reuníndome con varias persoas vinculadas dalgunha maneira co porto de Burela, ben sexa empresarios, usuarios, colectivos que operan por alí, cun único propósito: vou facer unha petición formal para reunirme co presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán Hermida, o antes posible para tratar unha serie de asuntos sobre os que estamos preocupados en Burela. Queremos darlle unha dimensión a certos temas e queremos que nos boten unha man”.

Llano explicou que “o propósito contar cunha Edar, cunha estación depuradora de augas residuais de acordo coas esixencias actuais, que son aquelas que están máis vinculadas ao medio ambiente, que respecte o mellor posible o medio ambiente e esas son as depuradoras biolóxicas. Estamos mirando unha localización a ver se é posible, antes de que se faga o proxecto final, unha localización portuaria que vaia ben para meter unha depuradora destas características, con funcionamento biolóxico. Por tanto necesitamos entre uns 6.000 e 8.000 metros cadrados e estamos mirando o lugar posible. Hai que determinar onde poder ir e por iso debemos tratar con Portos a facilidade para que sexa unha situación boa para esta fin”. O Concello quere darlle unha volta a este asunto, antes de optar pola ampliación da actual Edar.

O alcalde tamén detallou os seus plans para os que están situados detrás da Capitanía Marítima: “é un solar que Portos ten detrás mesmo da Capitanía, un solar grande onde existen unhas localizacións para diferentes almacéns onde a xente do porto, armadores leven para alí algún tipo de material. A nosa intención é clara, queremos facer alí un parque ou unha praza que sexa de uso público para a xente menor. Podemos facer un parque infantil e unha serie de bancos e esparexementos para que este espazo poda ser ocupado e utilizado como espazo público. Ao mesmo tempo tamén queremos darlle algún tipo de forma de negocio, xa o ten falado Acia e estou de acordo, con restauración e bares relativos sempre a temas de mar, que dea algún tipo de tapeo relacionado con noso porto: merluza, bonito, polbo, luras… todo aquilo que sexa bo para vender neses solares. Eu dáballe unha dimensión maior, quero que dalgún xeito haxa fórmula de que algunha empresa ou persoas quixeran facer unha cooperativa e vender conservas, facer conservas de produtos do noso porto. Tamén iria moi ben situada aí, porque no seu conxunto trataremos de darlle unha fórmula moi bonita relacionada co mar, que os negocios que se abrirán aí estiveran relacionadas co mar e o esparexemento e a praza pública tamén tivera algunha relación con aspectos marítimos. Darlle singularidade, que creo que sería moi acertada e moi bonita para o noso pobo de Burela”.

Virxe do porto
O rexedor burelés tamén se referiu “a outra cuestión que creo que nos van resolver xa as autoridades portuarias de Burela. É algo que me está pedindo moitísima xente, que é un paso para visitar a virxe do porto. Agora mesmo, derivado da seguridade e dunha serie de asuntos como a forma de traballar no porto comercial, cando hai barcos é moi difícil que lles deixen pasar, pero para cando non os hai imos establecer unha serie de horarios xa marcados á mañá e á tarde para que a xente que queira visitar a virxe do porto poda pasar sen ningún tipo de problema”.
Alfredo Llano asegurou que o Concello quere “ver a fórmula de situar a aqueles pescadores que van ás luras, para que podan verse favorecidos en algunha instalación portuaria e poder levar a cabo esa actividade. Tamén me preocupa moito como alcalde de Burela o polígono do Berbés. Cando se remate o acceso ao porto esa zona vai quedar moi beneficiada, vai ser moi atractiva para moitísimos comerciantes e tamén lle queremos formular a posibilidade de que favorezan o establecemento de empresas naquela zona. Non vai haber dificultades dado que vai haber demanda porque unha vez que se complete o acceso ao porto haberá interese para instalarse nesa zona do Berbés porque é un polígono industrial que hai que aproveitar”.

O alcalde aludiu á necesidade de instalar unha grúa de grandes dimensións no porto burelés: “outra cuestión que quero levar adiante que penso que está moi resolta porque hai que ter en conta que o patrón maior da Confraría de Pescadores tivo algo que ver, e eu tamén estou moi de acordo co que se está facendo, é a nova grúa no porto de Burela. Penso que xa vai moi avanzado o tema, será unha grúa de 25 toneladas e dende logo que vai ser de moita utilidade para moita xente que viña demandando unha grúa destas características no noso porto. Vai ser unha realidade pronto e aí a Confraría ten moito que ver con este tema e dende logo nós estamos de acordo. Imos formularllo tamén con prontitude ao Presidente de Portos”.

Alfredo Llano sinalou tamén que outro dos temas a analizar con José Juan Durán será a limpeza do Porto de Burela. “É responsabilidade de Portos, agora mesmo parece ser que xa teñen un barco novo para facer a limpeza, queremos ver que está cumprindo ben e que o porto sexa un atractivo total tanto para a xente do pobo como para a que nos veña visitar. Temos alí moi preto a Oficina de Turismo e queremos dar boa imaxe, unha boa imaxe que debe ser representativa de Burela a través do seu porto, dunha limpeza axeitada, e penso que todo vai ben encamiñado. É unha petición que tiñamos feito hai tempo, e penso que vai encamiñada porque hai un cambio de empresa e de barco de limpeza e vaise notar, espero, en pouco tempo”.

Mancomunidade
Como presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, “vou facerlle unha petición ao presidente de Portos relativa aos beneficios que dá o porto de San Ciprián, porque agora mesmo non está habendo repercusión económica na zona. Hai certas responsabilidades que derivan das nosas instalacións de Burela. Entón, representando os intereses dos concellos que conforman a Mancomunidade da Mariña, vou solicitar que eses beneficios económicos repercutan nos nosos portos: nos de Celeiro, O Vicedo, Burela, Ribadeo,… Porque evidentemente hai moitas cuestións das que se poden beneficiar os portos con investimentos, con obras, con recursos. Polo tanto esta é unha das cousas que me parece que é de xustiza que veñan para a nosa zona e que vou reclamar”.

Exit mobile version