Site icon Crónica3.com A Mariña

Armando Castosa non formará parte das listas do PP de Lugo ó Senado

Lugo, 8 de novembro de 2015.- O alcalde de Cospeito, Armando Castosa Alvariño, non repetirá nas listas do Partido Popular por Lugo para a próxima lexislatura. “Incorporeime ao Senado en 2008 e desde ese momento traballei para defender os intereses dos lucenses. Entendo que a miña etapa compaxinando alcaldía e Senado acabouse e agora desexo dedicarme en exclusiva a solucionar os problemas dos meus veciños”, explicou Castosa Alvariño.

O portavoz do Grupo Popular no Senado e presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, sinalou que non formar parte das listas ao Senado nesta próxima lexislatura “é unha decisión persoal súa que, por suposto, no partido respectamos”. “Nestes anos -continuou- Armando soubo representar os intereses da nosa provincia na Cámara Alta”.

Armando Castosa Alvariño foi elixido senador por primeira vez no ano 2008 e revalidou o seu cargo nas eleccións xerais de 2011. Na IX lexislatura foi secretario de Política Territorial, vogal da Comisión de Entidades Locais e vogal da Comisión para as Relacións co Tribunal de Contas. Nesta última lexislatura foi secretario da Comisión de Entidades Locais e vogal da Comisión de Facenda e Administracións Públicas. “Teño que agradecer ao meu partido e especialmente ao noso presidente provincial, José Manuel Barreiro, a oportunidade que me deron, para a miña foi todo unha honra poder traballar de xeito conxunto con el”, subliñou Castosa Alvariño. “Tamén quero agradecerllo a todos os cidadáns, sen o seu apoio nas urnas nunca sería posible”, matizou.

Neste sentido, Armando Castosa afirmou que “me sinto orgulloso do meu papel nas dúas lexislaturas pero especialmente nesta última na que tivemos a responsabilidade de apoiar desde o Senado as reformas emprendidas por Mariano Rajoy que nos permitiron volver á senda do crecemento”.

“A miña paixón foi e é a política local e agora quero centrarme nela en exclusiva, quero dedicar todos os esforzos a dar resposta aos problemas dos meus veciños, que levan tantos anos depositando a súa confianza en min”, afirmou o rexedor de Cospeito. Armando Castosa foi elixido alcalde por primeira vez no ano 1991 e revalidou o seu cargo nas últimas eleccións municipais celebradas este mes de maio. “A miña familia tamén tivo moito que ver nesta decisión, creo que chegou o momento de poder dedicarlles tamén a eles máis tempo”, sinalou Castosa.

José Manuel Barreiro agradeceu o esforzo de Castosa Alvariño estas dúas lexislaturas nas que compaxinou a súa actividade como senador coa alcaldía de Cospeito. “A súa longa traxectoria á fronte do consistorio o avalan, non teño ningunha dúbida de que Armando vai seguir traballando por todos os veciños de Cospeito”, afirmou Barreiro. “Armando foi e é un activo para o partido e sentímonos orgullosos de poder seguir contando con el na política municipal”, concluíu o portavoz do PP no Senado.

Exit mobile version