Ribadeo, 6 de novembro de 2015. A asociación de comerciantes, industriais, servizos e autónomos de Ribadeo fai unha valoración moi positiva da pasada campaña promocional denominada “Prezos de morte”, que se desenvolveu entre o 30 de outubro e o 1 de novembro.
Desde a directiva de Acisa explican que “durante esta semana estivemos falando e visitando a cada un dos 34 comercios e aos locais de hostalería de Ribadeo que participaron nesta última campaña. O balance é positivo porque serviu para dinamizar Ribadeo nun fin de semana un tanto complicado por varios motivos: coincidía con fin de mes e cos Nadais ao virar a esquina. Pero tamén é certo que foi ponte festiva, que Ribadeo se encheu de xente e que fixo moi bo tempo, o que animou as compras”.
Acisa Ribadeo sinala que “os resultados obtidos foron bos, por iso é polo que a nosa intención sexa darlle continuidade a esta campaña nos próximos anos. Gustaríanos que aos poucos se fosen adherindo máis comercios, pero tamén máis locais de hostalería. Cantos máis participen, cantos máis decoren os seus locais, cantos máis ofrezan tapas ou racións que teñan que ver co Samaín ou con Halloween máis positivo será para todos”.
A directiva de Acisa agradece “a participación a todos os locais que se implicaron para estar nesta campaña, en “Prezos de morte”. E destaca que “foron moitos os visitantes que Ribadeo recibiu durante esta ponte e tamén foron moitos os que aproveitaron para facer as súas compras grazas aos descontos, ofertas e outlets que se atoparon no comercio da localidade”.