Instagram, rede social propiedade de Facebook, non é a excepción. A aplicación, que conta con 400 millóns de usuarios, contempla a suba de 80 millóns de imaxes ao día. Entre esta oda diaria ao bo gusto pictórico resulta inevitable atopar moita ovella descarriada. Non me refiro a fotografías mal tiradas, senón a imaxes resultado non da propia vontade dunha persoa, senón da vontade que o peso da sociedade lle inculca a un alto porcentaxe de usuarios. Falando en prata: da moda.
Dicía Buñuel que “a moda é a manada” e que “o interesante é facer o que a un lle dea a gana”. Se Instagram puidese inmiscirse na edición desta Comarca, actualmente premería o botón de ‘non me gusta’. Porque o certo é que Instagram é o berce das modas. O usuario medio de Instagram, que se ubica enre os 16 e os 34 anos, sigue as modas que cohabitan nesta rede social. Comparte selfies, fotos no baño, fotos aguantando a torre Eiffel, a de Pisa e o Big Ben (aínda non se coñece usuario que ‘sostivera’ a Torre dos Moreno, cuxa fotografía podería resultar, a efectos prácticos, inclusive máis lóxica), imaxes de bodegóns ou calquera fotografía inspirada nunha xa vista na conta de calquera outro usuario. Así engaden, involuntariamente, un integrante máis á manada da que falaba Buñuel.
Para iso están as modas: para anestesiar a sumisión. As modas que vemos a diario reflectidas en Instagram manteñen sosegada a disconformidade cara o sistema que ata un marciano experimentaría con só botar unha ollada ao panorama (ou á Panorama, depende de como se mire). ‘Follow me to’, sígueme a un lugar máxico dentro das fronteiras da nosa imaxinación, porque poñerse a amañar as fornteiras do nosos mundo sensible é demasiado lioso e non nos imos meter onde non os chaman.
Por sorte, sempre hai quen se rebela, sempre hai que vocifera que non está dacordo coas premisas sociais adquiridas para beneficiar os intereses doutros. Sempre hai quen se enorgullece de expresa-la súa propia personalidade no canto de se esforzar por ser coma o do lado. Sempre hai quen, en lugar de empregar as redes sociais coma o escaparate da autoconfianza, deciden empregar os mesmos recursos para protestar contra algo tan endémico como a moda. Porque se mentres hai vida, hai esperanza; mentres haxa Instagram, haberá quen decida seguir o camiño á súa maneira.