O pentatleta internacional viveirense e triple medallista europeo, Cristóbal Rodríguez, conduciu o pasado fin de semana a un novo triunfo ao seu equipo, o Abanca da Coruña, do que é capitán, na Liga Nacional de Clubs.
Rodríguez, como capitán tivo que refacer toda a estratexia de combate para o que solicitou tempo para poñerse de acordo e consultar co Mestre Galego de Esgrima, Manuel Villadóniga, coñecedor das enormes dificultades que entrañaba o equipo de vencer ao do seu anterior club e anteriores compañeiros que se coñecían moi ben entre eles.
A estratexia foi arriscada e valente pero deu os seus froitos: Rodríguez abriría os combates e pecharíaos. O conxunto galego formado por Rodríguez (capitán), Xaquín, Yago, Manel e Mateo enfrontábase ao “SAM” de Barcelona e despois de duros combates chegaron ao último asalto onde Rodríguez volveu a tomar a espada cun tanteo en contra de 35/20 a favor do “SAM”, pero foi rabuñando tocado a tocado ata chegar aos últimos 15 segundos empatados a 44/44. A Rodríguez non lle valía o empate e provocou unha prioridade ao seu favor que lle deu a vitoria por 45/45 vencendo ó loitador que logra a prioridade, neste caso Cristóbal Rodríguez.
Ao remate do asalto o Mestre Villadóniga mostrábase moi satisfeito pola vitoria e comentaba ós medios nacionais e televisións autonómicas a dificultade enorme de provocar unha situación de prioridade como a que realizaba o mariñán para gañar, así, o combate.