Mais o que si sabe Feijóo é demitir das súas responsabilidades na nosa ordenaciòn aeroportuaria e facer campaña inserindo, con cargo aos fondos públicos, suposta publicidade institucional que, en realidade, constitúe o primeiro acto da precampaña das xerais do PP. Por certo, unha publicidade na que Feijóo anova o seu compromiso co “café para todos” que nos equipara á Rioxa, Murcia ou Extremadura. Na que se manifesta implicitamente conforme coa continúa recentralización dos últimos tempos e cun deficientísimo grao de autogoberno que nos impide desenvolve políticas sociais e económicas que fosen quèn de guindarnos da recesión e da continúa crise dos nosos principais sectores produtivos.
Velaí a ocasión das eleccións xerais do 20-D e das vindeiras autonómicas para unha fonda remuda na dirección deste País. Para recuperarmos unha gobernanza pensada na cidadanía e nos intereses de Galicia. Mais se o PP deixou hai moito de ser PPdeG, pregándose a unha visión centralista que subordina os nosos intereses económicos, as esquerdas nacionalista e rupturista demostraron estas semanas a súa incapacidade para artellar unha resposta política moderna, en clave tanto dos intereses do País como os das maiorías sociais.Unha resposta demandada por ducias de milleiros de cidadáns desencantados. Un fracaso que haberá pesar no noso futuro.
Xoán Antón Pérez-Lema