Foz, 06 de novembro de 2015. O pasado martes foi o Pleno ordinario da Corporación Municipal no Concello de Foz.
Tratáronse temas tan importantes como a ubicación da nova EDAR no Camiño da Granda no Barrio de Forxán, Parroquia de San Martiño. Esta proposta de alcaldía, que ocupaba o punto terceiro dunha intensa orde do día, foi a que se apoderou da meirande parte do Pleno, xunto coas propostas do Catastro.
O BNG foi fiel ás súas ideas e ás recomendacións dos técnicos de Augas de Galicia. Recomendacións que dende fai tempo indican (agora, indicaban) que a mellor zona de instalación dunha depuradora en Foz sería no solo do Polígono Industrial. Tanto Lorena Seivane coma Teresa Rego sempre mantiveron que elas, nin ningún outro concelleiro da Corporación Municipal, debería ser quen de decidir cal é a mellor ubicación desta nova EDAR, senon que serían os técnicos, tanto de Augas de Galicia como de medio ambiente, os que recomendaran con informes técnicos a ou as posibles alternativas á actual depuradora.
Aínda así, cos votos favorables do Partido Popular e de FPF e en contra do PSOE e do BNG esta proposta saíu a diante. Seivane recorda que “Castiñeira comprometeuse a crear unha comisión específica de seguimento deste proxecto, espero que se recollera en acta e se leve adiante. Nós as dúas estaremos vixiantes neste tema”.
A revisión e a regularización catastral son os temas que ocupan case a outra metade do Pleno. Foron defendidas as rebaixas e o asesoramento á veciñanza tanto polo PSOE como polo BNG. Segundo Seivane “non me podo explicar como dúas mocións moi parecidas teñen distintos resultados”, xa que saíu adiante a presentada polo PSOE, pero non a do BNG. “No Pleno xa expliquei que cremos que a nosa moción é máis clara, máis concisa e máis sensata e recordei que o Concello vive das recadacións”, di Lorena, afirmando que baixar excesivamente o tipo de gravame sería contraproducente para os orzamentos e, polo tanto, para o normal desenvolvemento do Concello.
O undécimo punto ocupábao a moción do Bloque na que instaba ao Concello a elaborar e aprobar unha ordenanza fiscal reguladora da taxa por instalación de caixeiros automáticos nas fachadas dos inmobles con acceso directo desde a vía pública e que na mesma se fixe unha cota de 2500 € anuais por cada caixeiro instalado. Foi aprobada por unanimidade.
No tempo dos rogos o BNG solicita que se corrixan os novos indicadores, de xeito que se respecte o uso do galego e, tamén, para evitar o absurdo de que uns sinais estean en castelán (puerto) e outros en galego (praias). Sen resposta. Que se respecten os prazos de entrega de documentación ao abeiro do Real Decreto 2568/86 do 28 de novembro polo que se aproba o Regulamento de Organización e Funcionamento nas entidades locais.Resposta: Intentarase. E que se repoña o espello de tráfico no cruce das rúas Gorbachov coa baixada da Avenida dos Irmandiños. Resposta: Xa o sabíamos, en canto se poida farase.
Para finalizar este Pleno o BNG fai estas tres preguntas:
– Cando se vai reparar a porta de acceso aos locais das Asociacións na praza de Trégastel?
Resposta: Xa está o cristal encargado.
– Cando vai estar a disposición dos concelleir@s o borrador do PXOM para o seu estudo e posterior aprobación?
Resposta: Como moito nunha semana.
– Qué se sabe da nova residencia e centro de día?
Resposta: A obra tivo uns cantos reparos, que se están solucionando. Despois dotarase e, como máximo, estará en funcionamento no mes de marzo.