Site icon Crónica3.com A Mariña

Galiza Nova A Mariña escenificou o pasado sábado nas rúas de Ribadeo a súa repulsa á violencia machista

Ribadeo, 30 de novembro de 2015. A Asemblea de Mulleres de Galiza Nova realizou na tarde do sábado 28 de novembro un photocall contra a violencia machista nas Catro Rúas de Ribadeo.

As mozas da organización xuvenil do BNG quixeron realizar esta acción para chamar a atención sobre os diferentes tipos de machismo que están presentes no noso día a día.

A responsábel local da Asemblea de Mulleres, Andrea Martins, declarou que “o machismo está presente en moitas das accións cotiás, xa que non é só a violencia física, senón tamén o maltrato psicolóxico, económico, os insultos, os menosprezos… A resposta social das mulleres ten que ser contundente e clara, pois a violencia machista abáfanos, dende a monopolización do noso tempo até a tallaxe da roupa”.

Así mesmo, Andrea declarou que “os asasinatos son só a punta do iceberg, mais antes de chegar a iso é moi frecuente que existan outros tipos de violencia”.

Desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova consideran que “é preciso a posta en marcha dunha política integral que free o machismo desta sociedade” xa que “isto é moi grave: estannos asasinando!”.

Ademais, a organizacíon xuvenil con motivo do 25N tamén, “ven de poñer en marcha na Mariña un concurso de fotografía para a denuncia da violencia machista. O prazo de presentación das imaxes estará aberto ata o vindeiro día 20 de Decembro e o gañador que escolla o xurado será obsequiado cunha potente cámara fotográfica”. As bases para concursar están a disposición das persoas interesadas na Web de Galiza Nova bases concurso fotografia feminista.

Exit mobile version