Site icon Crónica3.com A Mariña

Lídia Senra: “Defender o ensino público non é delito. Excluír ás clases populares si”

Bruxelas, 9 de novembro de 2015.- O 23 de outubro de 2014 unha mobilización estudantil protestou contra a presenza de Alberto Núñez Feijoo nun ciclo de conferencias na Universidade de Santiago de Compostela. Días despois, tres rapaces eran detidos a través dun operativo totalmente desproporcionado e criminalizador. Así pretende intimidar o Goberno Feijoo a aquelas persoas que loitan e defenden os dereitos humanos e sociais. Aliás, a Fiscalía, en nome do Goberno do PP, solicita no xuízo que terá lugar mañá tres anos de cadea para cada un, máis mesmo que a acusación particular, unha actitude que marca claramente o interese do Estado neste proceso que pretende sexa exemplificante .

“Non cabe dúbida de que o xuízo a Aarom, Atanes e Mario é unha tentativa do Partido Popular de intimidar ao estudantado”, valorou a eurodeputada galega. Unha actitude totalmente asoballante e vergoñenta contra un colectivo, o estudantil, que está claramente identificado como unha das principais vítimas dos ataques neoliberais aos dereitos humanos e sociais perpetrados ao abeiro desta suposta crise económica que en realidade é unha estafa bancaria auspiciada polos Gobernos. “Parece que, ademais de ternos por parvas, tamén pensan que somos covardes”, engadiu Senra, “mais non imos dar nin un paso atrás. Contra a súa represión a sociedade galega respostará con solidariedade”.

A educación, a vivenda, a sanidade… “A criminalización da protesta social e de toda defensa dos dereitos humanos é un síntoma evidente da persecución das ideoloxías e do deterioro da democracia, se é que inda queda algo…”, valorou a eurodeputada galega, “por iso o PP esforzouse tanto en converter en legal a represión aprobando a Lei Mordaza”. “Defender o público, o dereito a un ensino público para todas e todos, non é delito. O delito é excluír ás clases populares do ensino”, sentenciou a eurodeputada de AGEe.

Alternativa Galega de Esquerda en Europa condena con contundencia a violencia directa e estrutural ca que o Estado está a atacar e criminalizar aos colectivos que precisamente máis están a padecer os recortes económicos, e demanda a absolución inmediata para estes tres estudantes.

Exit mobile version