Site icon Crónica3.com A Mariña

Nós-Candidatura Galega presentou as candidatas e candidatos mariñaos que concorren ao 20D

NOS-CANDIDATURA GALEGA_presentacion MurasA Mariña, 28 de novembro de 2015.- No mediodía deste sábado, as candidatas e candidatos mariñaos de Nós-Candidatura Galega estiveron en Muras, xunto coa cabeza de lista ao Congreso, Olalla Rodil, para presentar ás persoas representantes da comarca e as principais liñas que defenderán para A Mariña.

Xunto a Olalla Rodil, completan a lista ao Congreso a barreirense Montse Porteiro, no terceiro posto e Xosé Paleo, de Foz, no número catro. Nas suplencias tamén abunda quen represente á comarca: a profesora Teresa González Piñeiroa, o rexedor murense Manuel Requeixo, a autónoma burelá Dorotea González, o médico Iago Villamil e o mozo ribadense Martín Graña. A representación mariñá complétase coa integración de Orlando González, ex-alcalde de Mondoñedo, na lista ao Senado.

“Somos as persoas que representamos A Mariña nesta candidatura na que a cantidade de mariñás e mariñaos que tomamos parte na mesma amosa o peso que a nosa comarca ten no conxunto de Lugo”, sinalou Montse Porteiro. “Cada unha de nós vén de distintos concellos con problemáticas diferenciadas e de distintos sectores, aos que trataremos de dar voz por medio desta candidatura que se caracteriza pola defensa inequívoca dos intereses das galegas e dos galegos”, afirmou.

“A nosa función será trasladar a defensa da comarca e da súa capacidade aló onde corresponda, non deixando que os problemas das nosas veciñas e veciños queden esquecidos e só se lembren desta comarca en períodos electorais”, afirman desde Nós-Candidatura Galega.

A defensa de vivir e traballar na Mariña, obxectivo principal
“Entre as liñas principais coas que esta formación concorre ao 20D atópase a necesidade dunha tarifa eléctrica propia que asegure a competitividade das empresas instaladas na comarca e beneficie a creación de emprego”, explicou o traballador de Alcoa e candidato ao Congreso, Xosé Paleo.

“Nunha zona como a nosa na que, como podemos ver aquí mesmo, producimos enerxía; non podemos permitir que haxa empresas que teñan dificultades para instalarse por falta de competitividade no prezo da enerxía ou familias que estean en situación de pobreza enerxética”, explica o Alcalde de Muras, Manuel Requeixo, cuxo goberno municipal xa traballa nunha ordenanza para evitar estas situacións entre as súas veciñas e veciños.

Outra das reivindicacións principais de Nós- Candidatura Galega é en materia de infraestruturas. “Desde unha beira á outra da comarca temos problemas nas comunicacións. Na zona oriental, con unha A8 que pasa máis tempo pechada que aberta e na zona central e occidental con unhas estradas de hai corenta anos, que só se arranxan en época electoral e sen vías de comunicación propias do século XXI, que permitan dar saída aos produtos do mar, do agro ou do monte que existen na comarca e que aínda supoñen moitos postos de traballo”, sinalan.

Deste xeito, Nós- Candidatura Galega asume e fai propia a reivindicación comarcal da necesidade da apertura do dique norte de Morás ao tráfico comercial, como un xeito máis de promocionar a comarca e contribuír á súa dinamización económica e social.

“Non podemos permitir que a nosa comarca siga a perder poboación e deixe marchar o seu futuro en forma de emigración xuvenil”, asegura Martín Graña. “Crear emprego e promocionar os servizos públicos é fundamental se queremos que esta comarca teña futuro e continúe a ser unha das zonas máis dinámicas da provincia e de Galiza.”

“Os sectores pesqueiro e agro – gandeiro, moi importantes na Mariña, golpeados polas políticas emanadas da UE e abandonados pola deixazón de funcións dos actuais gobernos galego e español que calan e tragan co que lles ditan desde Europa, precisan dunha forza política que sen contradicións e atendendo so a defender os intereses galegos, se poña ao seu servizo e leve a súa voz ás institucións.”

“Nós- Candidatura Galega é a forza que representa as necesidades das nosas veciñas e veciños, dos traballadores da pesca, do agro, da sanidade e a educación. Das persoas estafadas polas preferentes e dos emigrantes retornados que foron perseguidos pola Facenda española… A elas lles pedimos que confíen en Nós, persoas normais, que só pretendemos levar a súa voz ao Congreso e o Senado, onde se toman gran parte das decisións que nos afectan a diario e onde só se escoitarán as súas reivindicacións se somos quen de obter unha representación forte o vindeiro 20 de decembro”, conclúen desde Nós – Candidatura Galega.

Exit mobile version