Burela, 19 de novembro de 2015.- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, mantivo unha xuntanza coa mesa de negociación do Concello, logo da celebración das eleccións sindicais do pasado 30 de outubro. Foi a primeira toma de contacto, na que segundo o rexedor se abordou a relación de postos de traballo e o novo convenio colectivo.
O alcalde burelés explicou que “despois das eleccións sindicais que se celebraron o 30 de outubro, unha vez escollidos os delegados sindicais de cada unha das formacións, o que fixemos foi convocar a reunión da primeira mesa de negociación para onte, día 18. Basicamente foi unha primeira toma de contacto, quedaron moi claras as nosas condicións, as nosas perspectivas e formas de poder axudar tanto aos traballadores como á entidade do Concello, sempre buscando unha mellor xestión e formación e que estea a xente traballando ben, contenta e eficazmente para un mellor trato na atención ao público e a mellor xestión que se poda facer dende o Concello”.
Llano dixo que na reunión se abordaron “asuntos moi interesantes, o primeiro, a relación de postos de traballo (RPT). Hai que definir claramente unha RPT do Concello de Burela. Xa no anterior mandato noso estiveramos procurando facelo pero creo que agora o imos coller con xeito, con tempo e con consenso para procurar tela no ano 2016”.
O rexedor indicou que “tamén falamos do novo convenio colectivo. Imos poñernos con el a partir da xaneiro, xa na seguinte reunión, porque unha das nosas intencións é dar todo tipo de facilidades na mesa de negociación e tratar os asuntos que poden ser totalmente importantes tanto para os traballadores como para o resto do funcionamento administrativo e de xestión do Concello. Queremos que se regule, que se faga con tempo, con seriedade, ben planificado, sempre mirando para o ben común e no mellor par ao Concello. Quedamos para o mes de xaneiro para facer a segunda reunión e iniciar xa o procedemento para o novo convenio”.