Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo entregoulles a todos os membros da comisión pro residencia un tomo coa tramitación e o traballo feito ao longo de tres anos, “xa que hai moita xente que non estaba na Corporación Municipal anterior”

Ribadeo, 25 de novembro de 2015.- Este martes tivo lugar unha xuntanza da comisión pro residencia de maiores. O alcalde, Fernando Suárez, fíxolles entrega a todos os membros dun tomo con toda a tramitación e o traballo realizado ao longo de tres anos, “xa que hai moita xente que non estaba na Corporación Municipal anterior”. Tamén lles entregou un informe da Secretaría Municipal que nas súas conclusións subliña que o Concello conta con todas as autorizacións pertinentes para a execución e construción do edificio e que a Xunta dispón dun informe de viabilidade da residencia enviado polo Concello hai meses e que ao finalizar as obras será cando se presente un novo, non antes. O rexedor agarda chegar a bo porto para que a residencia de maiores sexa unha realidade e espera que a Xunta de Galicia se decida a mover ficha nos vindeiros días. 

Suárez Barcia contou que “onte celebramos unha xuntanza da comisión pro residencia, que está conformada por representantes de todos os grupos políticos da Corporación Municipal así como tamén os representantes das asociacións de veciños. Quixen convocar esta reunión da comisión para darlles a todos os representantes un tomo con toda a tramitación dos tres anos de traballo para que este soño colectivo se estea tornando en realidade, dado que algúns dos actuais representantes dos grupos da Corporación non formaban parte da anterior; polo tanto igual tiñan información polos seus compañeiros pero igual non dispoñían de toda a información documental. Démoslles a todos un tomo completo, con toda a tramitación mantida tanto coa Deputación Provincial de Lugo como coa Xunta de Galicia. E ao mesmo tempo tamén lles demos a todos un prolixo informe da Secretaría Municipal, onde se clarifica e onde se pon negro sobre branco toda a situación legal tanto da construción da residencia como no relativo ao tema das posibles subvencións tanto da Xunta de Galicia como da real da Deputación de Lugo a día de hoxe”.

O alcalde subliñou: “no que ten que ver coas conclusións deste informe de Secretaría, din que en primeiro lugar o Concello de Ribadeo conta con todas as autorizacións pertinentes para a execución e a construción, segundo a autorización da Consellería de Traballo de febreiro do ano 2014. Tamén di que no tocante á achega do informe de viabilidade da residencia, do que tanto se ten falado ultimamente, o Concello de Ribadeo xa aportou dito informe o 2 de maio de 2014; polo tanto, a xuízo do técnico, enténdese cumprido este requisito, que si efectivamente no momento en que rematen as obras a propia Xunta dispón na súa autorización do ano 2014 que se deberá emitir un novo informe, pero sempre que rematen as obras. E, como di o secretario, non ten sentido emitir tres veces o mesmo informe de viabilidade e non duplicidade. Polo tanto non se pode facer unha vez para a firma do convenio, outra para a posta en funcionamento e unha terceira para prestar o servizo”.

E engadiu: “di ademais, no tocante á xestión, que unha vez rematada a construción haberá que estar ao disposto na lexislación nese momento, sendo aventurado pronunciarse ao respecto por parte do secretario debido á normativa cambiante nestes últimos meses e tendo en conta que o 1 de xaneiro de 2016 entrará en vigor o disposto na disposición transitoria da lei 27/2013, que di que os servizos sociais pasan a ser competencia das comunidades autónomas. E que logo finalmente en todo caso desde o ano 2014, di o técnico municipal, temos recibido un borrador de convenio para asinalo por parte da Xunta de Galicia, ao que no seu momento se fixeron suxestións e cambios, porque un convenio é un acordo entre dúas partes e non é un trágala, por suposto, e desde aquela, desde agosto de 2014, estamos esperando a que se nos conteste”.

Suárez Barcia indicou hoxe que “en definitiva, o que pretendemos o goberno municipal e entendo que todos os grupos, e o oxalá poida referirme a todos outra vez e confío en que así sexa, estamos traballando, e espero dicilo no nome de todos, para unificar esforzos para rematar a residencia máis aló dos avatares políticos e dos rifirrafes que ás veces aparecen nos medios de comunicación. Pretendemos chegar a bo porto para que a residencia se remate, como así vai ser, e para que se poña en funcionamento, como así vai ser. Pero ademais, sé e posible e é recomendable e san, que o resto de administracións con competencias na materia que aínda non puxeron no seu grao de area o poidan poñer. E é polo que confiamos en que a Xunta de Galicia nestes vindeiros días se decida a mover ficha. Esperámolo e desexámolo polo ben non do goberno municipal senón dos veciños e veciñas, que é o que estivemos facendo sempre entre todos nesta comisión”.

Exit mobile version