Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG aposta polos servizos públicos e mancomunados no pleno do concello de Burela

Burela, 27 de novembro de 2015.- A Xunta obriga ós burelaos a pagar máis por lixo e auga
O debate centrouse na aplicación do IPC sobre as taxas referentes ó lixo, á auga e ós sumidoiros, servizos prestados por unha empresa concesionaria. “Se nestes servizos o concello recuperase a xestión pública e se mancomunasen co concello de Cervo os veciños pagarían menos do que pagan”, destacou o nacionalista Pillado. Amén diso, os nacionalistas recordaron cando a Xunta subiu o Canon de SOGAMA, o actual alcalde fora moi contrario a esta medida, máis agora non retira esa subida na taxa nº 8. “A parte, Alfredo Llano é o presidente da mancomunidade da Mariña, con competencias en tratamento de residuos, polo que debe iniciar un sistema comarcal de xestión de residuos que xere emprego e reduza os costes de transporte” engadiu Pillado. Tamén mostrou o voceiro do BNG a súa postura cara a remunicipalización do servizo da limpeza das instalacións municipais e do comedor do colexio Vista Alegre.

Nestes temas, tamén lles recordou ós populares que Burela e Cervo pagan a auga mais cara de Galiza porque a Xunta non inicia o proxecto do dragado do encoro de Rúa, que aforraría costes de bombeo dende o encoro de Río Cobo. “Nunha situación semellante, en Lourenzá, a Xunta apostou polo dragado dun encoro, por unha contía económica similar, mentres no caso de Burela e Cervo, que quintuplican en poboación a ese concello, non teñen intención de dar solución ó problema” destacou o nacionalista, que tamén lembrou que ese proxecto era unha compensación pola segregación, que co tempo se demostrou totalmente negativa, e que foi impulsada polo PP en Burela.

Os concelleiros do BNG conseguiron que se tivese conta de diversas iniciativas
Os nacionalistas sacaron adiante varias mocións como a relativa a declarar 2016 o ano das Irmandades da Fala para promover a cultura e a lingua galega, outra sobre violencia machista, coa acreditación da vítima e o estatuto do feminicidio, un plan de emprego xuvenil e, sobre todo, unha para modificar certas taxas e que os colectivos locais non teñan que pagar polo uso de instalacións municipais e que os desempregados nunca teñan que pagar por dereitos a exame nas probas nas que se convocan postos de traballo. Non saiu adiante a moción da CIG sobre a tarifa eléctrica galega e contra a pobreza enerxética, moción que defendeu o BNG. Por esta circunstancia, solicitouse a modificación do regulamento do pleno para incluir unha quenda de intervención veciñal na que calquera particular ou unha organización, coma CIG, poida tomar partido e defender iniciativas.

O BNG foi quen mirou polos servizos públicos e en consecuencia, polo interese dos veciños, mentres o resto de grupos ou non queren ou non saben.

Exit mobile version