O BNG do Vicedo esixe que o Concello colabore coa veciñanza afectada polo procedemento de Regulación Catastral 2013-2016, impulsado polo Ministerio de Facenda, facilitándolle información e asesoramento para alegar contra os posíbeis erros na documentación ou na valoración recollidos na proposta e para reclamar, de ser o caso, a exención ou reducción da taxa nos casos de pequenas modificacións que non representen un significativo incremento do valor catastral do inmoble ou parcela regularizada.
Adrián Piñón Domínguez, voceiro municipal do BNG do Vicedo, manifestou ó respecto que “a inutilidade do goberno local do PP, que sempre agarda a que os veciños estean coa auga á gorxa para actuar, cando de facer o traballo para o que lle pagamos a veciñanza, esta situación nunca tería sucedido”.
Dende o BNG do Vicedo, tamén chaman a atención, sobre o anuncio do alcalde sobre a baixada do tipo do IBI no concello, argumentando que isto é unha cortina de fume ante a inoperancia do goberno local á hora de resolver os problemas do día a día. Así mesmo os nacionalistas vicedenses anunciaron a presentación dunha moción sobre o catastrazo do PP e incidiron en que pedirán a modificación da ordenanza municipal sobre o IBI para que inclúa con claridade a exención deste imposto para as asociacións sen fins lucrativos do concello.