Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG reclama o incremento da dotación orzamentaria en 2016 para cumprir o prazo da ampliación do Hospital da Costa

A Mariña, 25 de novembro de 2015. O BNG a través do parlamentario Cosme Pombo, defendeu no Parlamento Galego o incremento da dotación orzamentaria da Xunta de Galiza para a ampliación do Hospital da Costa para cumprir os prazos previstos pola propia Xunta que estiman a redacción e execución da obra en 30 meses segundo consta na resolución da Axencia Galega de Infraestruturas de 29 de setembro deste ano. “A formación nacionalista considera que a Proposición non de Lei do PP a debate na cámara galega é un brinde ao sol ao defender a actuación da Xunta que so destina 1,8 millóns de euros para 2016 para un investimento de 12,8 millóns que debera estar executado en 30 meses polo que emendan a iniciativa para dotala cun orzamento en 2016 por importe de 3 millóns de euros”.

Piden incrementar a dotación orzamentaria para ampliación do Hospital da Costa en 2016 en tres millóns de euros
Os nacionalistas defenderon incrementar a partida económica para ampliar o Hospital da Costa para que a dotación económica en 2016 pase dos 1,8 a 3 millóns de euros. “Somos conscientes de que tres millóns non chegan para cubrir os atrasos acumulados durante estes anos e tampouco para atender os prazos fixados pola resolución da Axencia Galega de Infraestruturas de 29 de setembro de 2015 pero si supón un impulso en relación ao que hai”, afirmou Ana Ermida.

Na mesma liña de incrementar dotacións orzamentarias para mellorar os servizos sanitarios, “reclamamos aumentar o persoal tanto en asistencia primaria como especializada, non son de recibo os recortes emprendidos polo PP tanto en persoal sanitario como doutra índole na asistencia sanitaria, que fan imposíbel prestar un servizo de calidade e saturan ao persoal existente cunha carga de traballo que a pesar dos seus esforzos fan imposíbel manter os estándares de calidade que a poboación precisa”, afirmou Ana Ermida.

O PP é experto en facer política de propaganda que non resolve os problemas da xente
O PP vai incumprir por sétima vez os seus compromisos temporais para ampliar o Hospital da Costa despois de o propio PP o anunciara en febreiro del 2009, A principios de outubro de 2009, en marzo de 2010, e nos debates sobre o estado da autonomía en 2010 e 2011, agora ven un novo incumprimento nesta ocasión dunha resolución oficial que estima uns prazos de execución que non se van cumprir por falta de dotación orzamentaria, afirmou Ana Ermida.

Para a portavoz comarcal nacionalista, “coas mentiras do Partido Popular sobre este proxecto chove sobre mollado e aínda teñen a hipocrisía política de presentar unha iniciativa propagandística que a pouco que se revisen datos, é papel mollado en canto á seriedade dun Goberno Galego mais preocupado polas contendas electorais que por solucionar os problemas da xente.”

As promesas do PP coa Mariña en materia sanitaria son papel mollado desde fai moitos anos
O BNG botou en cara ao Partido Popular a centralización da dirección sanitaria en Lugo coa creación da Area de Xestión Integrada que eliminou a capacidade de xestión comarcal da sanidade mariñá, “mentiron cando anunciaron que as áreas de xestión sanitaria da ,Mariña e Monforte se ían manter, mentiron cando anunciaron a ampliación de competencias do director do Hospital da Costa que acabou dimitindo e tras el o seguinte, mentiron cando anunciaron que a sanidade primaria se xestionaría desde a comarca, mentiron cando anunciaron a creación dun servizo de resonancia magnética estábel en Burela, mentiron cando dixeron que o modelo de xestión integrada acabaría cos desprazamentos de doentes e estes foron a mais, menten cando falan de melloras cando os recortes orzamentarios en sanidade primaria e especializada recortáronse en mais de 30 millóns euros e nos últimos anos a atención primaria sufriu especialmente por falta de persoal e mesmo material – perdéronse facultativos en Cervo, Xove, Ribadeo, Ourol e na comarca so quedan catro pediatras nos centros de saúde que atenden a mais 70.000 habitantes.

Exit mobile version