Site icon Crónica3.com A Mariña

O colectivo feminino “Fraga das Saímas” pon en marcha unha campaña contra a violencia machista nas redes sociais baixo o lema “Eu dou a cara…e ti?”

Foto COMPOSICIONViveiro, 27 de novembro de 2015.- Con motivo da conmemoración do 25N, as socias do colectivo Fraga das Saímas veñen de poñer en marcha unha campaña de sensibilización e concienciación da veciñanza, a través do seu facebook, contra a violencia machista.

“Eu dou a cara… e ti?” é o lema da campaña do colectivo de mulleres Fraga das Saímas coa que pretenden visibilizar a violencia silenciosa do machismo, o maltrato e os asasinatos contra as mulleres para concienciar da necesidade e da obriga social de dar a cara e denunciar publicamente e castigar socialmente o comportamentos machistas, porque O MACHISMO MATA, e así poder lograr, entre todas e todos, avanzar cara a eliminación desta lacra social tan perigosamente presente na nosa sociedade actual e que está a convertirse nun auténtico feminicidio.

Esta semana a entidade comezou a lanzar a campaña a través das redes e no día de hoxe a súa Presidenta, Flor Chao, presentouna oficialmente as socias do colectivo Fraga das Saímas no Centro Sociocultural de San Andrés de Boimente e as empresarias e empresarios dos comercios viveirenses que se uniron a esta campaña: Librería Porta da Vila, CATÁ, Agricentro e Mesón Imperial.

O colectivo, da man da súa presidenta e secretaria, está animando, tanto a través das redes como a pé de rúa, a rapaces, rapazas, homes e mulleres a fotografarse xunto ao lema da chapa deseñada por Alberte Sánchez, con motivo do 25N, “O Machismo Mata”. As primeiras fotografías xa están sendo subidas á páxina de facebook da asociación, sendo a primeira fotografía subida a da propia Presidenta.

As 100 primeiras persoas voluntarias en participar serán agasalladas cunha das chapas da campaña e se a veciñanza responde positivamente a esta campaña on line, “Eu dou a cara… E ti?”, que se desenvolverá ao longo dun mes, o colectivo ten como previsión a montaxe do mural “Derrubando Imposibles”.

Exit mobile version