Site icon Crónica3.com A Mariña

O concelleiro de turismo de Burela solicita colaboración ante a institución provincial para o vindeiro ano

Burela, 26 de novembro de 2015. O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, reuniuse co responsable da Área de Turismo da Deputación, Eduardo Vidal Baamonde, para expoñerlle os proxectos do Concello no plano turístico de cara ao 2016. A creación da web turística na que actualmente traballa o Concello, así como a necesidade de axuda para o mantemento do Barco Museo Reina del Carmen foron os principais asuntos abordados no encontro.

O edil socialista contou que “mantiven unha reunión en Lugo co deputado provincial de Turismo, onde lle expuxen todo o traballo que estamos a facer dende de Delegación de Turismo do Concello de Burela con respecto ao turismo de cara ao ano que vén. Expliqueille todos os proxectos que temos iniciados. En principio é para pedirlle un pouco de colaboración e a verdade é que veño satisfeito posto que vin que hai interese por parte da Deputación en axudarnos nos proxectos que temos iniciados”.

Ramiro Fernández Rey dixo que “principalmente falamos do tema da páxina web. Pareceulle boa idea e mostrou interese no proxecto. Ademais expliqueille que o Barco Museo ten un enorme custe tanto en material humano como en cartos para o Concello, e que necesitabamos axuda doutras institucións para mantelo nunhas condicións óptimas para facer as visitas. O deputado mostroume o seu interese e, de feito, díxome que xa coñecía o Barco Museo e amosouse moi sensible con este tema. Quedamos en volver xuntarnos cando haxa uns orzamentos da Deputación e comezar a falar xa máis concretamente das axudas que a Deputación lle pode conceder ao Concello de Burela para o mantemento do Barco Museo Reina del Carmen. É un símbolo para o turismo en Burela e dende esta Concellería e, polo visto, tamén da Deputación, hai moito interese en que siga funcionando nun estado óptimo para os vindeiros anos”.

O balance da reunión foi moi positivo, segundo o edil: “foi unha xuntanza que valoro moi positivamente. En principio a predisposición por parte do deputado provincial de Turismo é boa e entendo que o Barco Museo e os proxectos que temos para o turismo en Burela os veu con bos ollos e que imos ter a colaboración da Deputación, como non pode ser doutro xeito”.

Ademais, o concelleiro de Turismo indicou que no encontro “falamos tamén da información turística, de axudarnos a facer folletos informativos e entregueille un informe con todas as visitas que tivemos no Barco Museo e na Oficina de Turismo, así como os obxectivos que nos marcamos para intentar incrementar as visitas que temos en Burela aproveitando os nosos recursos e os que temos arredor co obxectivo de mellorar ocupación hoteleira e a actividade económica en Burela”.

Exit mobile version