Burela, 9 de novembro de 2015.- O Concello ten previsto celebrar os seus primeiros bautismos civís o vindeiro mes de decembro, posto que xa hai catro familias que o solicitaron. Así o explicou o alcalde burelés, Alfredo Llano, que se amosou moi satisfeito por ter aprobada unha ordenanza que regulariza os actos de recibimento civil e que cre que vai ser de gran utilidade para os veciños.
O rexedor contou que “nós respondemos no seu momento á demanda que moitos veciños de Burela nos suxerían para facer bautismos civís, actos de acollemento aos infantes. Elaboramos unha normativa, unha especie de coloquio, de cómo facer un recibimento ou bautismo civil no Concello de Burela. Aprobámolo no pleno de agosto e derivado desta demanda apareceron xa catro peticións. O máis seguro é que estes bautismos civís se fagan no Nadal, por cuestións familiares, todo o mundo quere ter a familia próxima. A pesar de que existían por aí algunhas dúbidas, isto é un acto, un servizo que é demandado e xa se ve que vai ter bastante utilidade e cadencia. É unha ocasión bonita, un acto de acollemento, onde se vai dar un acto de benvida, vánselle recoñecer ao infante os dereitos, e vai haber un compromiso ligado ao seu desenvolvemento vital para que teña seguridade no futuro”.
Segundo Alfredo Llano “estes acollementos civís responden basicamente ao compromiso dos pais, familiares e irmáns e tamén a unha responsabilidade e seguridade que se lle dá ao neno para traballar para que teña todos os dereitos vitais asegurados. Creo que vai ser bastante demandada cara o futuro e xa se ve claramente que agora mesmo temos estas peticións e estamos contentos de telo aprobado no seu momento. Vemos que as cousas que se van facendo van tendo un resultado que para nós é óptimo”.