Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela reducirá nun 0,4% as taxas da auga, lixo e sumidoiros e conxelará as restantes

Burela, 27 de novembro de 2015. Na pleno ordinario celebrado este xoves no Concello burelés quedou aprobada a conxelación das taxas e impostos para o 2016 así coma a baixada do 0’4% para a taxa da auga, do lixo e dos sumidoiros. Alfredo Llano explica que non se pode reducir máis porque o IPC interanual co que traballa o Concello é o que vai de agosto de 2014 a agosto de 2015. Sempre é ese mes o que se utiliza como referencia. O rexedor lémbralle ao portavoz do PP que os recibos da auga e do lixo serían de menos importe se os veciños non tivesen que pagar os canons autonómicos correspondentes.

O rexedor contou que “o primeiro punto abordado foi sobre a xestión que imos permitir, na praia do Penoural, case no centro do pobo, para que moitos usuarios leven as súas mascotas e empreguen esa praia para o esparexemento e goce das mascotas e dos seus donos. Imos probar a ver como funciona, como se responsabilizan os donos e como queda de limpa a praia. É unha especie de proba de confianza, de responsabilidade, a ver como se desenvolve para que no futuro poidamos ampliar, ou non, o horario de empregabilidade para levar ás mascotas. De momento imos poñer un horario fóra do que corresponde ao baño e imos intentar que se manteña nun treito válido para todos, seguramente pola tarde, de sete a nove, xa se verá. O que máis nos importa é ver como funciona. Se funciona ben pode ser un bo argumento para que a xente se achegue a dar un paseo polas praias e por Burela”.

Limpeza
Tamén se aprobou definitivamente a normativa da limpeza diaria “con respecto ao coidado, á atención e á responsabilidade que lle corresponde a cada un dos veciños de Burela, para ter un pobo limpo. Hai que ter coidado coa limpeza dos excrementos dos animais, co que se tira ao chan. Hai que procurar entre todos, cada un aportando o que pode, ter un pobo limpo e atractivo e que todos gocen paseando polas rúas, polos parques e polas prazas. Espero que dea bo resultado. O que fai esa normativa é motivar a que a xente sexa corresponsable co noso pobo e procure aportar o seu grao de area para que sexa cada vez máis limpo e atractivo”.
Alfredo Llano explicou que “tamén aprobamos a paga parcial correspondente ao ano 2012, a paga extra que naquel entón os funcionarios non puideron cobrar. Agora estase volvendo a tramitar todo e o que se fixo foi aprobar a paga parcial que lles corresponde cobrar este ano”.

No pleno ordinario de onte quedaron conxeladas as taxas e impostos no 2016 e aprobouse unha redución do 0’4% para a taxa da auga, lixo e sumidoiros: “resulta que nosoutros procuramos o máximo beneficio para os veciños e entón as taxas, prezos públicos e impostos non os vamos subir este ano, quedan conxelados e baixamos o 0,4 por cento, o que corresponde ao IPC interanual de agosto a agosto, nas taxas do lixo, da auga e dos sumidoiros. Evidentemente pensamos que é unha boa medida conxelar as taxas porque agora mesmo non se poden subir, pero tampouco se poden reducir moitísimo dado que temos a necesidade de cobralas porque os concellos e todas as institucións públicas necesitan de impostos, taxas e prezos públicos para poder subsistir”. Alfredo Llano referiuse ás críticas do grupo municipal do PP: “escoitamos algunha crítica por aplicar o -0,4 cando o IPC interanual foi en setembro do -0,9, pero nosoutros non podemos facer iso. O señor Barcia estivo cizañando un pouquiño porque non aplicamos o -0,9 en vez de o -0,4. O que non pode facer unha institución como un Concello ou calquera outra é unha valoración do IPC segundo conveña: como este mes baixou máis vou aplicalo a partir deste mes. No Concello estívose aplicando sempre desde agosto a agosto e por tanto esa é a nosa referencia. Hai que ser serios e facer as cousas como corresponde e non andar bailando se un mes baixa ou sobe”.

Resposta ao PP
Para o alcalde “é fundamental que saiban todos en Burela que agora mesmo reducimos o -0,4 para as tarifas da auga, dos sumidoiros e do lixo, pero o señor Barcia non dixo nada na prensa nin no pleno de onte sobre algo que é moi importante: se todo o mundo revisa o recibo da auga verá que existe un canon que impuxo a Xunta de Galicia e que temos que pagar todos os meses cada un dos veciños de Burela; ese canon ven representando un 16 ou un 18 por cento da contía total do recibo. Polo tanto, ese canon enorme fai subir a tarifa dese recibo. Igual que pasa co do lixo, porque hai que pagar a Sogama un canon que representa moito do recibo. Ou sexa que tanto do canon da auga como do lixo non di nada, pero si manifesta que estamos perdendo a oportunidade de aplicar o -0,9. Iso son gañas de confundir, de querer enganar aos veciños de Burela e realmente o importante sería que protestase para que retirase a Xunta de Galicia o canon da auga, que ademais non reverte nin repercute directamente para nada nos veciños de Burela. O mesmo ocorre co canon do Sogama. Ou sexa que se realmente quere facer algo positivo que empece por aí”.
E engadiu que “imos deixar exentas de pagar taxa por ocupación de locais e instalacións deportivas ás asociacións ou colectivos que estean no rexistro de asociacións do Concello e que fagan algún tipo de actividades que respondan aos intereses globais da poboación de Burela ou ben que estean integrados no programa de actividades que nós confeccionaremos, anual, trimestral ou semestralmente. Todos os que se incorporen ou estean facendo actividades que resulten boas para o conxunto de poboación de Burela estarán exentos de pagar taxas por ocupación tanto de locais como poden ser o Auditorio ou o Salón de Conferencias como de instalacións deportivas”.

Mocións
No capítulo de mocións por unanimidade foron aprobadas unha relativa á violencia de xénero e outra ás irmandades da fala e ao idioma galego. PSOE e BNG votaron a favor da derrogación de lei de racionalización e sostibilidade da administración local por considerala moi perxudicial para os veciños e para os servizos sociais que os Concellos lles prestan: “no seu conxunto esta lei o único que fai é reducir dramaticamente as atribucións e servizos dos propios Concellos. É algo que nós non queremos, porque somos persoas baseadas sempre no ben común e queremos que os veciños gocen de servizos públicos e de proximidade, como poden ser aqueles que poden ofertar os Concellos”. O PP votou en contra desta moción.

Alfredo Llano rematou relatando que “tamén aprobamos unha moción que trouxo o PP a última hora con respecto á ampliación do hospital. Nós nesa emenda marcamos con claridade que instamos á Xunta que aporte para o ano 2016 un total de 2,5 millóns de euros para comezar as obras con certas garantías. A súa proposta de 1,8 millóns non nos parece suficiente como para que a celeridade das obras sexa a máis óptima, así que fixemos esa emenda, a proposta de que apure a Xunta a facer a ampliación, que o procure facer o antes posible, que non o retrase no tempo e que a dote de orzamento suficiente e necesario para levar as obras a bo fin”.

Exit mobile version