Cervo, 6 de novembro de 2015. O Concello de Cervo modificará a ordenanza do imposto sobre vehículos para facilitar aos contribuíntes o acceso a beneficios fiscais e fomentar o uso de motores e combustibles máis respectuosos co medio ambiente.
Este asunto tratarase no pleno da corporación municipal que se celebrará o vindeiro luns, día 9, e na proposta da Alcaldía explícase que esta modificación formúlase “tendo en conta a conveniencia de mellorar a xestión do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica, facilitando aos contribuíntes do mesmo o acceso á aplicación dos beneficios fiscais, así como de introducir unha compoñente medioambiental na política fiscal do Concello que fomente o uso de motores e combustibles mais respectuosos co medio ambiente”.
Entón a ordenanza quedaría desta maneira: “establécese unha bonificación do 100 por cen da cota incrementada a favor dos vehículos que teñan unha antigüidade mínima de 25 anos contados a partir da data da súa fabricación; gozarán dunha bonificación do 75 por cento da cota incrementada durante os catro primeiros exercicios a partir da data da súa primeira matriculación os vehículos totalmente eléctricos e os impulsados exclusivamente con enerxía solar; gozarán dunha bonificación do 50 por cento da cota incrementada durante os catro primeiros exercicios a partir da data da súa primeira matriculación os vehículos bimodais ou híbridos (motor eléctrico-gasolina, eléctrico-diésel ou eléctrico-gas), os que utilicen algún tipo de biocombustible (biogas, bioetanol, hidróxeno ou derivados de aceites vexetais), gas natural comprimido ou metano”.
A concelleira de Facenda, Dolores García Caramés, explica que “o que se pretende con esta modificación da ordenanza cremos que é algo moi positivo para o Concello en temas de medio ambiente sobre todo, xa que se contemplan dúas novas bonificacións para os vehículos da clase de carburante ou das características dos motores que teñan menor incidencia no medio ambiente”.