Villares explica que “no Concello de Cervo temos pensado crear unha área de artesanía dentro do conxunto histórico-artístico de Sargadelos. Para iso remitímoslles unha carta aos artesáns da Mariña, na que, por unha parte, lles dicimos o que pretendemos facer e, por outra, se queren ter máis coñecemento da nosa proposta, invitámolos a unha reunión que vai ter lugar este próximo 17 de novembro ás 12.00 horas na Sala de Exposicións dese mesmo conxunto histórico-artístico”.
O alcalde destacou o importante pulo cultural e turístico que supón contar no municipio cun conxunto como o de Sargadelos: “en Cervo temos un dos sitios que sen dúbida é dos de máis renome xa non só da Mariña senón de Galicia, que é Sargadelos e, con el, un conxunto histórico-artístico que é eminentemente un lugar turístico e cultural que recibe centos de visitas cada ano dende todos os puntos de España e mesmo de fóra”, afirmou.
“Co obxecto de poñer máis en valor este conxunto histórico-artístico xurde esta idea de crear un proxecto de área de artesanía. No Concello contamos cuns inmobles que están situados neste enclave privilexiado e dentro deles dispoñemos duns locais que queremos poñer a disposición dos artesáns que así o desexen, sempre cun prezo simbólico e moi competitivo. Con obxecto de saber a demanda que imos ter para a utilización destes locais e expoñer a actuación que pretendemos levar a cabo poñémonos en contacto con todos os artesáns da Mariña para convocalos a unha reunión que vai ter lugar o próximo 17 de novembro ás 12 do mediodía. Esperamos dende o Concello contar con artesáns que estean interesados nestes locais. Unha vez que saibamos quen son as persoas interesadas a nosa intención sería facer un proxecto para restauralos, arranxalos, sempre en contacto co departamento de Patrimonio da Xunta de Galicia”, detallou o rexedor.
Villares tamén indicou que a área de artesanía “é unha pretensión e un proxecto que queremos desenvolver dun xeito rápido porque nestes momentos o Concello de Cervo ten recursos para poñer en valor este conxunto histórico-artístico do xeito que acabamos de expoñer”.