Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo aproba medidas para incentivar a rehabilitación das vivendas en estado de ruína

Mondoñedo, 28 de novembro de 2015.- O Goberno local do Concello de Mondoñedo aprobou no pleno celebrado onte unha serie de medidas encamiñadas a incentivar o arranxo dos inmobles en estado de ruína, tal e como recolle a ordenanza municipal de rehabilitación.

A alcaldesa, a popular Elena Candia, explica que con esta iniciativa Mondoñedo segue apostando pola posta en valor dos inmobles, o que redundará nunha mellor imaxe do municipio ao tempo que incrementará o valor das construcións.

O Goberno local tratará de que as vivendas ruinosas sexan bonificadas polo imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) para que os seus propietarios se animen a arranxalas, e que, ao mesmo tempo, sexa un elemento atractivo para a súa adquisición.

A alcaldesa precisa que a aprobación da ordenanza e os incentivos non afecta en negativo ás arcas municipais, posto que os inmobles rehabilitados terán que pagar o seu IBI, o que representa uns ingresos relevantes.

Proxecto para rehabilitar a Casa de Cunqueiro
En relación co proxecto deseñado polo Goberno local para rehabilitar a casa que Álvaro Cunqueiro tiña na localidade, a rexedora agradece que o BNG non votara en contra do convenio cos propietarios, mentres que censura a hipocrisía do PSOE e a súa escasa altura de mira ante unha iniciativa “de suma relevancia para Mondoñedo”.

Outros asuntos
O pleno acordou tamén, a petición do PP, pedirlle dilixencia ao Sergas na cobertura da praza de pediatra. Candia explica que a xerencia garante a continuidade, polo que o que se demanda é que se faga de xeito áxil. Aprobouse ademais unha delimitación dun núcleo rural.

O Concello de Mondoñedo deu luz vez á adhesión ao portal da transparencia e aprobouse iniciar os trámites para a declaración de fillo adoptivo de Enrique Cal Pardo.

Exit mobile version