Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo porá en marcha actividades formativas para garantir o relevo dos artesáns no barrio dos Muíños

Mondoñedo, 9 de novembro de 2015.- A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, explica que o seu Goberno porá en marcha actividades formativas para garantir o relevo dos artesáns e das artesás no barrio dos Muíños. Para poder levar a cabo este proxecto, o Concello de Mondoñedo contará co apoio da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, así como a Fundación Artesanía de Galicia.

A rexedora avanzou ademais que o Local de Alberto contará cun novo canteiro, que vén de iniciar a súa actividade. Así mesmo, o Concello botará man do alfar para organizar os cursos de formación que dean continuidade á esta actividade con tan fonda tradición.

Elena Candia subliña que o seu Goberno tomou esta decisión logo de coñecer o interese da xente moza e as ganas de apostar por este proxecto do que nacen as actividades formativas, que se porán en marcha proximamente. “Apostamos por unha iniciativa pensada por e para os mozos e mozas de Mondoñedo que queiran asumir compromisos para garantir e revitalizar un proxecto tan especial e que tanto custou crear e evitar así que se poida perder”, engade.

O Goberno local aposta por este proxecto co obxectivo de facer un uso eficiente dos recursos e aproveitar, de xeito racional, os inmobles dos que dispón de cara a garantir a continuidade da actividade. A rexedora destaca que esta acción formará parte dun paquete de medidas destinadas ao desenvolvemento do barrio dos Muíños. “É o primeiro proxecto ao que seguirán outros encamiñados a revitalizar o barrio”, conclúe.

Exit mobile version