Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo asinou un convenio con Acisa para a dinamización do comercio do municipio, por importe de 13.000 euros

301115 Foto firma convenio Concello e Acisa 1Ribadeo, 30 de novembro de 2015.- O Concello ven de asinar un convenio coa Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo (Acisa) polo que a administración local lle entrega ao colectivo 13.000 euros de fondos propios para dinamizar o sector e poder levar a cabo iniciativas punteiras. Así o anunciou o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, que destacou o papel que vén desenvolvéndose nestes anos dende o Concello para ter un comercio de calidade.

O rexedor explicou que “vimos de asinar un convenio entre o Concello de Ribadeo e Acisa para a realización de actividades de dinamización do comercio. Isto vén confirmar a relación estreita que temos xa nestes últimos anos, porque o que queremos é seguir fomentando o comercio e iso ten que facerse a través do fomento do consumo, de aí que esteamos traballando na dinamización socioeconómica da vila, e do concello en xeral, vinculado ao comercio”.
Suárez Barcia dixo “aínda que asinamos un convenio voluntario entre as dúas partes eu creo honestamente que dende o Concello temos a obriga de poñer o noso grao de area, como estamos facendo a través da colaboración, non soamente económica, que tamén é importante porque con este convenio o Concello vai entregar 13.000 euros de fondos propios á Asociación de Comerciantes, pero tamén con outros aportes, porque sumamos moitas cousas nestes últimos anos: ideas, colaboración de persoas entre as dúas institucións, proxectos de comercio de calidade, en proxectos que aportan innovación comercial, tamén en materia de turismo e deporte, e aí está o Ribadeo Indiano, ou nuns poucos días esta iniciativa punteira na Mariña que vai ser a pista de xeo. Aínda que queira atraer aos máis pequenos e non tan pequenos para o tempo de ocio, no fondo non deixa de ser un reclamo máis para o comercio, para que a xente veña a Ribadeo, comprar, pasear, pasalo ben. Este é un reclamo moi potente e é un reclamo máis”. E engadiu: “estamos encantados de seguir colaborando coa Asociación de Comerciantes do noso Concello e seguiremos traballando día a día para seguir facendo de Ribadeo o que xa é: un lugar punteiro no sector servizos e queremos que vaia indo a máis”.

Pola súa banda, o presidente de Acisa, Francisco Iriarte, subliñou “a colaboración mutua entre o Concello e a Asociación de Comerciantes”, agradeceu a achega económica para o convenio asinado hoxe e agarda que “poidamos seguir contando durante moitos máis anos con esta axuda e tamén co traballo conxunto que estamos a realizar para a dinamización do noso comercio, da nosa hostalería, en definitiva para a dinamización da nosa vila”.

Na firma deste luns participaron o alcalde, Fernando Suárez, a concelleira de Comercio, Desenvolvemento Local e Turismo, Ana Martínez, e o presidente de Acisa, Francisco Iriarte.

Exit mobile version