Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo incrementará a vixilancia para evitar comportamentos incívicos por parte dalgúns propietarios de cans

191115 Foto avenida Calvo SoteloRibadeo, 19 de novembro de 2015.- O concelleiro de Limpeza Viaria, Jorge Díaz Freije, anuncia que o Concello incrementará a vixilancia nas rúas, xardíns e parques públicos do Concello coa colaboración da Policía Local para que os propietarios de mascotas recollan os excrementos dos seus animais e para que sempre os leven atados. O edil nacionalista sinala que no Concello se están a recibir queixas veciñais alertando destas situacións e da presenza de mexadas nalgúns portais e nas entradas a locais comerciais.

O edil nacionalista explicou que “o Concello de Ribadeo fai unha chamada á colaboración dos donos das mascotas para que lembren a obriga de levalos sempre atados e para que recollan os excrementos de ditos animais das rúas, dos xardíns e dos parques públicos. Vaise intensificar a vixilancia coa colaboración da Policía Municipal en zonas que están moi castigadas por esta falta de civismo dalgúns propietarios dalgún can, entre elas podemos sinalar as rúas Rosalía de Castro, Leopoldo Calvo-Sotelo, Rafael Fernández Cardoso e Picarolas, entre outras”.

Díaz Freije contou que “detectamos e recibimos queixas veciñais por mor das mexadas dos cans en portais e nas entradas dalgúns locais comerciais. Pedimos de novo a máxima colaboración da veciñanza para que isto non se volva producir”.

E engadiu que “todo isto que estamos a pedir, que reiteramos outra vez por activa e por pasiva, é para que Ribadeo mellore día a día e para ter un Ribadeo máis limpo”.

Exit mobile version