Viveiro, 11 de novembro de 2015.- O Concello de Viveiro participa no proxecto Vacacións en Paz, de acollida temporal de nenos saharauís durante os meses de xullo de agosto, dende hai máis de quince anos. Mediante a sinatura dun convenio entre este concello e Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (encargada do desenvolvemento deste programa en Galicia) e grazas á colaboración económica das familias de acollida, ofréceselle ás familias saharauís a posibilidade de que os seus fillos gocen durante o verán dunha estancia agradable, sen sufrir as altas temperaturas do deserto, coñecendo unha cultura diferente e recibindo os coidados e cariño das familias acolledoras.
Este verán, dúas familias viveirenses acolleron nos seus fogares dúas nenas e un neno (de 12 e 10 anos) e o Concello de Viveiro, segundo o convenio referido, fíxose cargo do pago dos billetes de avión entre Tinduf e Santiago de Compostela, póliza de seguro de responsabilidade civil, seguro colectivo, seguro de repatriación, gastos e billetes de acompañantes e manutención e traslado entre o aeroporto e Viveiro, cun importe total que ascende a 3.560 euros.
Ademais disto, o Concello de Viveiro acordou sumarse á campaña solidaria posta en marcha por Solidariedade Galega co Pobo Saharauí para axudar ao pobo saharauí, tras as inundacións do pasado mes de outubro, cunha achega extraordinaria de 1.000 euros. As fortes choivas devastaron os seus campamentos, afectando a 4.400 vivendas e haimas e outras infraestruturas; con esta colaboración extraordinaria, o Concello de Viveiro súmase a esta nova iniciativa coa que se pretende axudar ao pobo saharauí ante a situación límite na que se atopan.