Site icon Crónica3.com A Mariña

O equipo de goberno de Burela levará ao pleno deste xoves a conxelación das taxas e prezos públicos para 2016 e a redución nun 0,4% das da auga, sumidoiros e lixo

Burela, 23 de novembro de 2015.- O Concello de Burela celebra o vindeiro xoves, 26 de novembro, un pleno ordinario no que se abordará a conxelación de taxas e prezos públicos para o 2016 e a redución dun 04% das taxas da auga, sumidoiros e lixo. Ademais, o equipo de goberno presentará unha moción para pedir que se derrogue a Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local. Este luns, a partir das 20 horas, o Concello celebra tamén un pleno extraordinario para sortear as mesas electorais.

O alcalde, Alfredo Llano dixo que “o próximo xoves, día 26, corresponde realizar pleno ordinario, como cada último xoves de cada mes. Está a proposta da Alcaldía sobre unha serie de cuestións que se abordaron xa no pleno anterior, como a aprobación definitiva do aproveitamento das praias de Burela con respecto ao regulamento que pretendemos sacar. Existen unha serie de emendas que imos tratar nese pleno, pero basicamente o noso propósito é dar unha oportunidade para que o ano que vén, a partir de Semana Santa ou no verán, cando sexa a etapa de ir á praia, facilitar que os usuarios leven as súas mascotas ao areal do Penoural. A nosa idea é comprobar como funciona. Se vemos que o horario funciona ben, posiblemente teremos máis adiante algún tipo de mellora ou de ampliación do mesmo, pero de momento o único que pretendemos é ver que resultado dá, como coidan os usuarios o entorno, como se fan as prácticas de uso e, por tanto, imos establecer un horario de principio, que vai ser unha vez que rematen as horas de baño. Poden ir unhas horas, un tempo determinado, a pasear as mascotas a esa praia”.
Tamén irá ao pleno ordinario do xoves a ordenanza de limpeza viaria: “non houbo alegacións e imos aprobala tamén definitivamente”, indicou o rexedor.

Un dos asuntos importantes que se abordarán nesa sesión plenaria serán as taxas, prezos públicos e impostos para 2016. Llano subliñou que “imos conxelalas todas porque consideramos que agora mesmo non é momento de subir ningunha. É máis, imos reducir nun 0,4%, o que corresponde ao IPC interarnual medido de agosto a agosto, as taxas relativas á auga, á limpeza de sumidoiros e lixo. Consideramos que é un taxa que todo o mundo emprega. Sempre que se poda reducir imos facelo, como é normal”. E manifestou que “con respecto a esta taxa, o que sube os prezos en Burela e noutros concellos tamén é o canon que lle aplica a Xunta a moitos dos nosos recibos e que incrementa bastante o prezo final do recibo da auga. Imos intentar tamén dende o Concello, a través da FEGAMP, dos organismos que corresponda, da Mancomunidade… solicitar a anulación do canon ou ben que repercuta o prezo do canon no propio municipio ou que se elimine, porque non consideramos que sexa xusto agora mesmo”.

Llano explicou que “outra cousa que imos tratar é relativo ao persoal do Concello. Imos facer todo o posible para pagar no próximo mes o que corresponde, a parte proporcional da paga extra de 2012. Xa se sabe que aos funcionarios e empregados públicos fóiselles pagando e foron recuperando a paga extra de 2012, así que nós imos facer o que corresponde pola nosa parte para que sexa unha realidade o antes posible a recuperación do cobro desta paga extra de 2012”.

Ademais, Llano lembrou que a tarde deste luns “imos facer un pleno extraordinario, logo das comisións informativas, que as temos ás sete. Sobre as 20 ou 20:30 horas imos facer un pleno para realizar o sorteo da xente que vai participar nas mesas, presidentes, os vocais e o secretarios nas vindeiras eleccións do 20 de decembro”.

Ademais de todos estes asuntos, o equipo de goberno tamén presenta unha moción na que se pide a derrogación da Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local: “é unha moción que nos parece moi importante porque xa na Mancomunidade de Municipios, na FEMP e na FEGAMP vaise tratar este tema que nos preocupa. É unha lei que en principio, para entendernos claramente, tratar de limitar a autonomía dos municipios e limita moito as prestacións de servizos tan importantes como son as políticas sociais. Imos facer unha proposta, que é a de eliminar esta lei o antes posible. Non é soamente unha iniciativa deste Concello, vaise facer tamén unha proposta moito máis global e representativa a través da FEMP e da FEGAMP. Basicamente imos solicitar que se derrogue a Lei do 27 de decembro de Racionalización e Sostibilidade da Administración local”.

Llano considera que “hai que ter en conta que se pretende que entre en vigor o 31 de decembro, así que o ano que vén entrarían en vigor unha serie de cuestións que son limitadoras para os nosos concellos. Hai que evitar que isto se poda levar a cabo porque resta importancia de todas as prestacións e servizos que os concellos veñen realizando como entidades máis próximas ao cidadán dende hai moito tempo. De momento, pedimos tamén que se comprometan a tramitar de forma inmediata unha modificación lexislativa, non unha carta que mandaron aí cunha proposta para que se puidera seguir cos servizos sociais, pero sen aclarar nada nin como se vai acometer nin pagar. Queremos unha modificación lexislativa que devolva o antes posible ás entidades locais as competencia en materia de prestacións de servizos sociais e de prevención e reinserción social. Tamén queremos solicitar a posibilidade de xerar emprego dentro das nosas posibilidades e necesidades. Evidentemente, é algo que non convén para nada que se aplique, a ningún Concello, sexa dun grupo ou doutro”.

Exit mobile version