Santiago, 18 de novembro de 2015.- O portavoz de Cultura do Grupo Popular, Agustín Baamonde, afirmou hoxe que o proxecto de Lei do Patrimonio Cultura de Galicia “representa unha oportunidade para poñer en valor algo que, xunto co territorio e a lingua, é esencial para a identidade de Galicia”. Neste sentido, demandou “altura de miras” aos grupos da oposición na tramitación parlamentaria deste novo texto lexislativo, para “entre todos facer unha lei de patrimonio sostible e capaz de perdurar no tempo”.
Baamonde manifestou que existen “unhas expectativas amplas” sobre esta nova lei, o que constitúe unha “obriga á que tanto os grupos parlamentarios como a propia consellería temos que dar resposta”. “O obxectivo é facer unha lei que represente non un retraemento dos cidadáns cara ao patrimonio cultural, senón unha oportunidade para poñer en valor algo que, xunto co territorio e a lingua, é esencial para a identidade de Galicia”, apuntou.
XESTIÓN MÁIS EFICAZ E ÁXIL
O portavoz popular explicou que coa nova lei “non se diminúe para nada a protección existente, xa que se mantén o carácter xeral do artigo 1 da antiga norma para deixar claro que a protección non se diminúe, senón que se trata de avanzar cara un modelo de xestión máis eficaz e máis áxil incorporando aportacións importantes, como a participación que se da aos concellos”.
Así mesmo, Agustín Baamonde considerou importante as medidas incorporadas na nova lei referidas ao financiamento, como novas liñas de subvencións autonómicas, a posibilidade de beneficios fiscais para os bens de interese cultural ou a regulación da figura do patrocinio cultural.
Baamonde manifestou que “tanto a Xunta de Galicia como o Grupo Popular serán flexibles para a aceptación de suxerencias, porque o proxecto é mellorable e coa aportación de todos podemos facer unha lei de patrimonio sostible e capaz de perdurar no tempo.