Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular avoga por estudar ben un cambio nas claves de reparto do cerco e evitar que para que gañen algúns perda o conxunto do sector

Santiago, 18 de novembro de 2015.- O Grupo Popular reiterou este xoves na Comisión de Pesca do Parlamento a necesidade de elaborar un estudo que determine os criterios a empregar para que a flota do cerco poida acadar máis posibilidades de pesca e que, unha vez rematado, se remita ao Parlamento para o seu debate. O portavoz de Mar, José Manuel Balseiro, insistiu “na necesidade de estudar ben calquera posible modificación das claves de reparto, de xeito que estea baseada nunha solución global, en consenso co conxunto do sector do cerco e non en posicións unilaterais dunha soa parte”.

Balseiro mantén que “un reparto por tripulante, tal e como pide a oposición, fronte ao modelo actual mixto, que pondera criterios históricos (nun 70 por cento) e socioeconómicos (nun 30 por cento), sería máis prexudicial para os intereses de Galicia”, polo que invitou á oposición “a aceptar que se estude as consecuencias de modificar este sistema de reparto”.

“Unha vez que remate a campaña, cos resultados na man, estamos dispostos a debater o establecemento dun novo reparto que teña en conta maioritariamente aqueles criterios que favorezan á nosa flota, incluídos os socioeconómicos”, manifestou o portavoz popular, quen alertou da necesidade de “analizar ben as consecuencia dun cambio, non vaia a ser que, para que ganen algúns, perda o conxunto do sector do cerco galego”.

MELLOROUSE O SISTEMA
Por outra banda, Balseiro defendeu o modelo de xestión actual que permitiu, entre outras melloras, rematar coa práctica da pesca olímpica que deu lugar nos anos 2009 e 2010 a importantes sancións por sobrepesca que aínda restan capacidade de traballo para o sector.

Retou tamén á oposición a “demostrar que non é certo que, desde 2009, as cotas das principais especies obxectivo desta flota creceron un 52 por cento, isto é, as capacidades de pesca da xarda, do xurelo e da anchoa, especies que constitúen a actividade principal da frota do cerco galego”.

Balseiro negou que se poida acusar á Xunta de falta de interlocución, “xa que nos últimos quince meses mantiveron ata oito reunións cos representantes do cerco, en moitas das cales se adoptaron distintos acordos de importancia, como os que regulan a comercialización e permitiron autorizar un 10 por cento máis da cota con cargo a 2016 e traspasar o 50 por cento das posibilidades de pesca da zona próxima a Francia ao caladoiro cantábrico, o que beneficiou á flota galega”.

O voceiro do Mar dos populares galegos rematou lamentando que algúns representantes do cerco sinalen que esgotaron a cota e que, a pesar desa circunstancia, rexeiten as 500 toneladas de novas posibilidades de pesca que conseguiu de maneira excepcional a Secretaría General de Pesca do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

Exit mobile version