Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Provincial do PP pide reforzar as competencias do pleno da Deputación ante a debilidade interna que ten manifestado o Goberno bipartito

Lugo 23 de novembro de 2015.- O Grupo Provincial do Partido Popular pedirá este martes en pleno a través dunha moción que se reforcen as competencias que ten o pleno da Deputación de Lugo ante a debilidade que ten manifestado o Goberno bipartito “incapaz de xestionar a institución polas súas loitas internas”.

Os populares na Deputación consideran que a “falta de entendemento” entre os membros do Goberno provincial “non está a permitir un correcto funcionamento da institución, cuxa xestión se atopa paralizada en mans de socialistas e de nacionalistas”. Deste xeito, a petición do Grupo Provincial do Partido Popular encamíñase a que sexa o órgano do pleno o que reforce esta situación de desamparo e permita que se “garante unha xestión pública en condicións para atender as peticións dos lucenses”.

Os deputados do Grupo Provincial do PP consideran que a través desta iniciativa se poderá velar polo “bo funcionamento da Deputación, xa que estamos ante un goberno moi débil, sobre o que está demostrado que non se pode depositar a responsabilidade de marcar as directrices dunha institución provincial”.

En concreto, na iniciativa popular pídese unha modificación do Regulamento Orgánico de Funcionamento da Deputación co obxecto de que se restablezan no pleno todas as súas competencias, que no seu día foron delegadas á Xunta de Goberno, “este último órgano atópase paralizado e limítase a adoptar iniciativas de bloqueo das medidas tomadas polos populares no Goberno. Está a dar marcha atrás”.

A maiores, a moción tamén inclúe a regulación do uso de todos os locais de reunión da corporación provincial, para a súa utilización por todos os deputados provinciais, coa finalidade de que estes podan levar a cabo as actividades propias á súa condición de deputados provinciais. Do mesmo xeito, tamén esixen que esta modificación do ROF inclúa que o dereito ao acceso á información por parte dos deputados provinciais, leve implícito o libramento de copias dos documentos, agás aqueles que se exceptúen por lei.

Deste xeito, o Grupo Provincial do Partido Popular e a través desta iniciativa só buscar garantir o funcionamento da Deputación de Lugo, “xa que as mans nas que se atopa, non teñen interese pola institución, só por resolver os seus problemas internos que semella que cada día van a máis, mentres as demandas dos veciños continúan a ser desatendidas”.

Exit mobile version