Site icon Crónica3.com A Mariña

O Imaxiña 2015 recalará no Perdouro en decembro

davixino-fozMércores 25 de novembro. O Imaxiña 2015 traslada a inspiración artística da xuventude mariñá de Foz a Burela; o Festival Audiovisual da Mariña, que organiza a Fundación Imdecum dende hai un quinquenio, coarase nas aulas do IES Perdouro nos próximos días co artista burelao Davixino como padriño do certame e coa colaboración do realizador audiovisual focego Manuel Gil.

Davixino e Manuel Gil xa compartiron experiencias, coñecementos e sobre todo a súa ilusión e paixón pola arte co alumnado de 4ª da ESO do centro focego. Nun obradorio de dous días dinámicos, entretidos e intensos, o rapaces/as aproximáronse ás técnicas fotográficas, traballando sobre o encadre, as fotos con móbiles e cámara dixital…, pero tamén coñeceron as propostas de edicións anteriores, incidiron na mirada propia de cada persoa e fixeron prácticas en exteriores. Davixino achegou o mundo do debuxo ao estudantado, tanto con pezas propias coma doutros autores de referencia, e abordou o bosquexo como principio esencial de todas as artes.

Na iniciativa audiovisual, que conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo, o alumnado dos dous centros poderá dar renda solta á súa creatividade a través do concurso final, en dúas categorías, fotografía e vídeo, ata o 30 de decembro; esta fase tamén estará aberta para os centros que participaron en edicións anteriores, Monte Castelo (Burela), Marqués de Sargadelos (San Cibrao), Vilar Ponte (Viveiro), Dionisio Gamallo (Ribadeo), María Sarmiento (Viveiro), Illa de Sarón (Xove) e Alfoz-O Valadouro. Coa chegada de 2016, a Fundación Imdecum fará público o nome dos gañadores, que recibirán unha cámara fotográfica como premio, na exposición dos traballos seleccionados.

Exit mobile version