Os países máis desenvolvidos da Europa decatáronse do íntimo vencello entre unha oferta comercial achegada aos centros e barrios e a propia vitalidade e seguranza da cidade. As cidades sen comercio de proximidade, as cidades que teñen que mercar nos macrocentros das aforas, son cidades menos vitais, menos ricas e menos seguras. Que calidade de vida lle ofrecemos aos habitantes maiores dos nosos barrios condenándoos á dependencia de familiares ou ao uso eterno do coche particular para mercar?
Convén sinalar, tamén, que o comercio de proximidade que nos segue a atender fixo un enorme esforzo ao longo destes últimos anos. De certo que xa se decatou vostede que no negocio onde toma o seu café da mañá, tiveron que prescindir de dous camareiros e o xefe e empregados que fican atendendo multiplicaron os seus horarios. Tamén é xusto recoñecer o enorme esforzo de modernización, profesionalización e especialización dos nosos comerciantes de proximidade para mellor atender as nosas necesidades. Mesmo xurdiron en Galicia novos modelos de éxito que axiña abriron varios establecementos nas nosas principais vilas e cidades. Porque comercio de proximidade non é só pequeno comercio. É a oferta que atende no noso barrio a que permite que éste siga a ter vida.
Ten razón Manolo Rivas cando afirma que as cidades morren cando os ricos se pechan en ghettos. Mais tamén comezan morrer cando a súa veciñanza non pode mercar todo o que precisa na súa contorna vital.